María Calvo: «O turismo estivo sempre vinculado ao lecer, ao sol e á desconexión total»

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Cinco GALP formarán a 150 mozos galegos para que traballen no eido da pesca

18 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos vindeiros sete meses, 150 mozos galegos terán ocasión de formarse para traballar ou emprender en actividades vinculadas ao sector do mar. Será no marco do proxecto Relevo2020, ao que se sumaron os grupos de acción costeira Ría de Arousa, Seo de Fisterra e Ría de Muros-Noia, Mariña-Ortegal, Golfo Ártabro Norte e Golfo Ártabro Sur. A rianxeira María Calvo, a través da súa empresa Arenaria, é a asesora técnica desta iniciativa, ao tempo que forma parte do equipo docente.

-En que fase está agora o proxecto formativo?

-Estamos xa celebrando reunións cos alumnos da primeira fase, que se desenvolverá ata fin de ano, para determinar os horarios das clases. Por exemplo, está decidido que o vindeiro 28 arrancarán as sesións do GALP Ría de Arousa en Boiro.

-Como foi a acollida da iniciativa entre os mozos?

-Para esta primeira fase quedan algunhas prazas libres e aínda se poden inscribir aquelas persoas que o desexen, pero a acollida está a ser moi boa. Tamén está aberto xa o prazo para a segunda fase, que se desenvolverá entre xaneiro e abril. En cada unha haberá cinco grupos, un por cada territorio, dun máximo de 15 alumnos.

-Como xurdiu o proxecto Relevo2020?

-A idea é buscarlle solucións ao problema de relevo xeracional que sofre o sector do mar. O obxectivo é que os mozos coñezan este mundo no sentido máis amplo, a nivel de pesca, marisqueo e acuicultura. Os GALP tamén teñen nestes momentos aberta unha convocatoria de axudas para emprendedores, ás que poderían concorrer os que se formen nestes cursos.

-En que van consistir as sesións formativas?

-Vai ser unha metodoloxía moi dinámica, buscando que os alumnos sexan os protagonistas. Faremos visitas a empresas, asociacións ou centros de investigación para que coñezan o sector en toda a súa amplitude. A idea é que os alumnos se relacionen coa xente do sector e coñezan como se traballa en diferentes puntos de Galicia. Tamén haberá unha parte moi importante de titorías individualizadas para asesorar sobre todo a aqueles que xa teñen en mente un proxecto empresarial e manteranse contactos con persoas que emprenderon, co fin de que conten a súa experiencia.

-Existe un perigo real de que o mar se quede sen relevo?

-É un problema que existe. O sector ve que hai moita xente maior que está a piques de xubilarse e non hai quen colla o relevo. A situación inclúe ademais todas as empresas que se moven ao redor deste sector primario.

-Hai interese entre os mozos por coller ese relevo?

-Si hai mozos que están interesados en traballar no mar, pero sobre todo o que hai é un gran descoñecemento. Cando descobren as posibilidades que existen, o interese aumenta. Moitos non pensan por exemplo na carpintería de ribeira, no oficio das redeiras ou no turismo, que tan en auxe está.

-O turismo vinculado ao mar semella un sector que non acaba de despegar en varias zonas costeiras de Galicia...

-Non despega porque o turismo estivo sempre vinculado ao lecer, ao sol e á desconexión total. Duns anos para aquí, a xente estase a decatar de que tamén é posible aprender e cada vez teñen máis tirón actividades como as rutas guiadas ou as viaxes para ver aves e mamíferos mariños, como as candorcas que tan de moda están.

-Nace con vocación de futuro este Relevo2020?

-En principio, si. Hai entidades do propio sector que están interesadas e xa hai varios GALP, tanto promotores desta primeira iniciativa como outros que non están participando, que queren sumarse a unha vindeira edición. Xa non sería só para garantir ese relevo necesario no mar, senón tamén para formar e capacitar a profesionais do sector, algo que tamén é moi importante.