Santiago Vázquez: Un gardián para as xoias de Playmobil

O pobrense leva unha década reunindo figuras e accesorios, case todos dos anos 70


ribeira / la voz

Son moitas as xeracións que gozaron na súa infancia montando os xoguetes de Playmobil, un conxunto interminable de figuras e accesorios que ofrecen, mediante combinacións infinitas, todas as posibilidades que cadaquén sexa capaz de idear. Esta marca, unha das poucas que semella non pasar nunca de moda, captou a atención de Santiago Vázquez cando era un neno. Aquelas entretidas tardes entre piratas, policías e indios quedaron gardadas na súa retina, uns recordos que afloraron hai unha década. Foi entón cando este pobrense decidiu empezar unha nova colección, nesta ocasión de xoias, pois decantouse por series da primeira metade da década dos 70, a maior parte delas pezas artesanais e algunhas, imposibles de conseguir na actualidade.

«De neno, cada vez que me regalaban un Playmobil era para min unha festa, facíame moita ilusión», lembra Santiago Vázquez. Engade que o feito de que o seu pai se pasara case toda a vida navegando tamén propiciou que medrara esta afección: «Nunca xogou comigo e é algo que me marcou». Por iso agora que conseguiu reunir unha colección de medio milleiro de figuras, quixo amosárllelas ao público, tratando de xerar atracción por un tipo de xoguetes que son para el imprescindibles na infancia dos nenos: «Vexo que hoxe en día se perderon aqueles xogos da nosa infancia e todo xira ao redor das novas tecnoloxías. É unha mágoa, porque por exemplo os Playmobil son ideais para que os pais se entreteñan cos seus fillos».

Para facerse co seu tesouro, o pobrense contactou cun coleccionista de Sevilla e, a través del, con outro de Francia. Así foi formando diferentes series, vinculadas a temáticas que espertaban o seu interese. O resultado son recreacións de importantes momentos da historia ás que non lles falta ningún detalle, entre as que figuran un desfile militar liderado por Hitler, coa porta de Brandemburgo incluída; unha representación da Santa Cea; ou unha estampa da época vitoriana, na que ata pode verse a vida no interior das casas e dos bares, en forma de persoas limpando ou xogando ás cartas. Sobre estas últimas pezas, Vázquez afirma con orgullo: «É practicamente imposible atopalas hoxe».

Un concerto de altura

Como afeccionado que é da música, toca de feito diversos instrumentos como a gaita, a harmónica, a guitarra e o baixo, o pobrense tamén quixo representar, botando man das figuras de Playmobil, un concerto con rutilantes estrelas como Bruce Springsteen, AC/DC, ZZ Top, Freddie Mercury, U2, Sabina ou Fito & Fitipaldis; no que non faltan os policías encargados da vixilancia ou o imprescindible chiringuito.

Facerse con todas estas figuras e accesorios non foi doado nin barato. Santiago Vázquez explica que un simple boneco pode custar 12 euros; un camión, 55 e as vivendas ou bares da denominada época rosa, a vitoriana, superan os 200: «Foi un gasto importante, por iso tiven que ir pouco a pouco».

A el gustaríalle seguir ampliando a colección: «Agora mesmo non podo, pero a miña ilusión é elixir outra temática, quizais a de indios e vaqueiros, tamén coas series que saíron nos anos 70». Soña coa recepción das pezas e cos momentos de entretemento montando as diferentes escenas: «Xogo cos Playmobil coma se fose un neno. Para min o mellor é que podes facer as combinación que queiras, porque hai todo tipo de accesorios. Ata é posible cambiar as miradas dos bonecos».

Ansía tamén amosar os seus tesouros, como está a facer esta tempada na casa de cultura da Pobra: «Estaría encantado de expoñer noutros lugares para que a xente gozara de todo isto, porque sei que lle gusta aos nenos, pero tamén aos adultos».

Exposición. Na casa de cultura da Pobra, Santiago Vázquez amosa máis de 400 pezas de Playmobil, colocadas por temas e recreando diferentes escenas.

Visitas. A mostra estará a disposición do público ata fin de mes. Pode verse de luns a venres, de 10.00 a 13.30 e entre as 18.30 e as 20.30 horas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Santiago Vázquez: Un gardián para as xoias de Playmobil