Alberto Millán e Xosé Piñeiro, Os Monifates: Dous músicos titiriteiros do século XXI

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

Percorren Galicia cun carromato, un feixe de instrumentos e unha ducia de marionetas

16 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Un par de músicos ambulantes que, tirando do seu carromato, percorren os lugares de Galicia espallando os sons tradicionais. Eles son Alberto Millán e Xosé Piñeiro, Os Monifates, e contan, á hora de levar a cabo o seu cometido, coa axuda dun feixe de instrumentos, desde gaitas de diferentes tipos e frautas ata culleres ou táboas de lavar, co bombo ao estilo dos homes orquestra sempre ao lombo; así como dunha ducia de marionetas que danzan ao son da música. Veñen de actuar no Festival Internacional de Títeres de Redondela e tamén están entre os gañadores do Interritmos, o festival promovido pola fundación Deloa que este ano se desenvolveu a través de Internet.

Convertidos en Os Monifates, Alberto Millán e Xosé Piñeiro botaron a andar o seu carromato hai un lustro, pero xa empezaran a darlle forma a este proxecto musical un par de anos antes: «Estivemos un tempo madurando a idea, buscando información e facendo probas», explica Millán. Tiñan claro que querían recuperar a esencia dos músicos ambulantes que tocaban mentres facían danzar marionetas, unha tradición que estivo moi arraigada en Europa desde a Idade Media ata o século XIX, pero que logo foi pouco a pouco morrendo.

Antes de aparecer en escena por vez primeira crearon a Xaquín e a Maruxa, os primeiros bonecos dos que se rodearon para completar o seu espectáculo. Co paso do tempo, a familia dos Monifates foi medrando, coa incorporación de Saturno e Leonor, do porco Antón, do galo Farruco, dos Barbanzóns -unha selección dos músicos de Barbanza- e de Bartolo, o pandeireteiro de Anllóns.

O seu obxectivo é traer ao século XXI cancións do pasado, «mellorándoas e dándolles sempre un toque galego», apunta Alberto Millán, un músico de Ribeira que compatibiliza Os Monifates con outros grupos, ao tempo que imparte clases de gaita e percusión. Pola súa banda, Xosé Piñeiro é un artesán que comercializa as pezas únicas que fabrica baixo a marca Instrumentos Nebra.

Carácter lúdico e didáctico

Aínda que as actuacións deste dúo son eminentemente lúdicas, tamén teñen unha carga didáctica importante: «Primeiro pola cantidade de instrumentos que empregamos, e segundo porque tocamos a pé de rúa, combinando desde gaitas ata zanfonas, a un par de metros dos espectadores», comenta Millán. Son espectáculos que lles encantan aos máis pequenos da casa, pero que non se cinguen a este tipo de público: «Teñen aceptación entre a xente de todas as idades, desde nenos ata avós». A maiores, estes músicos barbanceses tamén aproveitan a información que foron recompilando e o seu bo facer con diferentes instrumentos para ofrecer concertos didácticos, enfocados fundamentalmente aos escolares.

Coma para o resto dos artistas, o covid supuxo un freo importante na traxectoria dos Monifates: «Dentro do malo, estivemos no Festival Internacional de Títeres de Redondela, unha cita á que lle tiñamos moitas gañas e na que por mor da axenda non actuaramos antes, e nuns días desembarcaremos tamén en Lugo». Aínda que Alberto Millán recoñece que non son tempos fáciles, amósase disposto a loitar: «Imos pelexar e darlle caña, pero xa non depende de nós». Cos interrogantes propios da situación actual, é optimista: «As festas de masas si que se suspenderon, pero hai unha aposta polos espectáculos pequenos, e aí temos cabida».

Este dúo de músicos ambulante aspira a sumar quilómetros: «O noso obxectivo é seguir vivindo da música nas súas diferentes disciplinas coma ata o de agora». De feito, están xa pensando en incrementar a súa familia de marionetas para o 2021.ç

Datos

Próxima actuación. Os Monifates desembarcarán este venres en Noia, na praza do Curro, co seu carromato. Entrarán en acción ás 20.00 horas.

Premio. Por figurar entre os gañadores do Interritmos, o dúo terá ocasión de gravar un vídeo dunha canción tradicional.