Raúl Pazos: «Éramos os principais prexudicados se a liga non se remataba polo covid»

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro Sevilla RIBEIRA/LA VOZ

BARBANZA

ADRIÁN GONZÁLEZ

O técnico destaca o bo papel de todo o equipo e a boa saúde da que goza a entidade

05 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Con Raúl Pazos (A Pobra, 1974) aos mandos, o Club Remo Puebla regresou á Liga Galega de Traiñeiras. A Carmela saíu aos mares galegos para conquistalos unha vez máis. O obxectivo marcado, regresar á Liga A, cumpriuse antes do esperado. O técnico aproveita a entrevista para valorar o verán e tamén o futuro dun club que goza dunha excelente saúde.

-Como foi a tempada?

-A verdade é que máis curta do normal, pero adaptámonos mellor do esperado. Saímos do confinamento con dúbidas logo de tanto tempo adestrando en condicións anormais. Tiñamos moitas horas de déficit no mar.

-Pois non lles foi nada mal.

-Imaxínate [rí]. E saímos campións. O que buscábamos era o ascenso, iso era o principal, pero ao gañar evitamos o playoff, que é unha dificultade máis. Hai que remalo e calquera contratempo pode botar por terra a tempada.

-Ao final demostrouse que había nivel no equipo.

-A puntuación foi de dez. Tiñamos a dúbida de se o tempo sen competir nos ía pasar factura. Estamos moi contentos. Quen nos ía dicir que íamos a gañar a liga a falta de unha semana de competición?.

-Conformaron un bo grupo.

-A verdade é que temos un equipo con calidade e ademais heteroxénea. Non éramos un núcleo amplo, pero si contamos con xente diferente. Había algún veterano, pais de remeiros e con rapaces que demostraron ao longo do verán que son moi bos.

-Non foi a súa primeira etapa á fronte do equipo.

-Xa estiven entre o 2012 e o 2014, este é o meu segundo ascenso [ri]. Daquela foi un pouco atípico, xa que non gañamos nin unha soa bandeira. Foi de rebote [ri]. Este ano saboréase un pouco mellor. O mal sabor quedounos na últimas regatas na casa, xa que non fomos capaces de conseguir a bandeira.

-Tódolos adestradores destacan que o traballo durante o confinamento foi complicado. No voso caso tamén?

-Aquí non todos viven na Pobra. Hai xente de Vigo, de A Coruña... Aos de aquí puidemos levarlles ergómetros polo menos para que traballaran a parte aeróbica. Pero entre os de fóra houbo quen non tivo nada. Pasaron tres meses sen adestrar, que foi un gran hándicap. Houbo un remeiro que pasaba o día correndo de arriba para abaixo no seu edificio. Ata que lle chamaron a atención os veciños [ri]. Era o pouco que podía facer. Aquí tamén tivemos que contar cos rapaces das outras categorías, e tampouco somos un club grande. Polo que o material é limitado.

-Rematan o ano xa?

-Os sénior vamos a competir en bateis. Vimos de estar coa traíña e aínda temos que poñernos, pero contamos cun equipo bastante xeitoso. Hai que saír ao mar e xuntar as pezas. É un pouco raro ao ser a tempada en setembro, pero vamos sen presión.

-E o tema do covid, dos posibles contaxios, como o levaron?

-A verdade é que fomos moi estritos. Éramos os principais prexudicados se a liga non se remataba polo covid. Estaba estipulado que tiñan que competirse o 75% das probas e andábamos un pouco asustados. Entre nós cumprimos as regras ao máximo.

-E incluso en moitas regatas melloraron os tempos dos equipos da Liga A.

-Adoita pasar que os equipos que van na cabeza na Liga B teñen nivel de media táboa da A. Nós en 2019 baixamos de categoría porque non comparecemos, non por carecer de nivel. Pero este ano tiñamos forza, pero non só nós, senón varios equipos da Liga B. Pero iso agora non vale de nada. O ano que vén si, que será cando nos midamos a eles. E a ver que nivel podemos dar.

-E que pinta ten o próximo ano?

-Falamos co equipo e maioría vai a seguir. O club ten unha saúde excelente, o ano pasado levamos medalla no campionato de España de bateis cos infantís. Este ano son cadetes e tópanse con outra xeración de cadetes que tamén é moi boa. Van facer un equipo extraordinario.

-Hai un problema que se repite en tódolos clubs, o salto de xuvenil a sénior.

-Se te pos a mirar en bateis, a categoría que máis xente ten é a cadete, nalgunhas regatas parece que hai 400 barcos. Logo en xuvenís son catro. É complicado, é un salto de idade moi complicado. Moitos dos mozos coñecen outras cosas que non coñecían antes e din ‘que lle dean ao remo’ [risas].