Xusto Ces Hermo: Loito nas familias de Asados, o Unión e o BNG de Rianxo

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Estivo sempre vinculado a toda canta iniciativa se emprendía na parroquia, xa fora implicándose persoalmente desde a presidencia do centro cultural ou a través da empresa familiar

25 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

De forma inesperada, os veciños da parroquia rianxeira de Asados perderon onte a un dos seus valedores. Seguindo co que xa era unha tradición familiar de activismo social e cultural, Xusto Ces Hermo estivo sempre vinculado a toda canta iniciativa se emprendía na parroquia, xa fora implicándose persoalmente desde a presidencia do centro cultural ou a través da empresa familiar, Felipe Ces. Tamén fixo mostra do seu compromiso político dende as filas do BNG. De aí que onte foran moitas as familias, ademais da súa propia, as que quedaron un pouco orfas.

O seu pai foi un dos fundadores do Club Deportivo Unión, entidade á que toda a familia estivo sempre e segue a estar vinculada. Onte lucía un lazo negro porque foi o día no que o club perdeu a outro dos seus expresidentes.

O BNG, do que Xusto era militante e no que traballou activamente formando parte de diversas candidaturas, mostrou o seu pesar por unha perda que colleu por sorpresa a todo o mundo. Tamén aos seus veciños da aldea da Atalaia, onde naceu e segue a ter a súa sede a empresa fundada por Felipe Ces, no seu momento pioneira no sector da construción e que Xusto e os seus irmáns fixeron medrar antes de darlle o relevo á seguinte xeración. Recordarano, coma sempre, naquela oficina ateigada de papeis ou percorrendo os expositores cando hoxe, ás 18.45 horas, lle brinden o último adeus.