Román Fungueiriño: «Hai unha unidade debaixo do paraugas do consello regulador e sería bo seguir así»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

RIANXO

Vén de coller as rendas da Asociación de Produtores Mexilloeiros de Rianxo (Aspromeri) coa idea de dar continuidade ao traballo feito

23 ago 2020 . Actualizado a las 09:47 h.

Despois de seis anos como membro da directiva que encabezaba Dolores Gómez, os últimos como vicepresidente, Román Fungueiriño vén de poñerse á fronte da Asociación de Produtores Mexilloeiros de Rianxo (Aspromeri). Con 200 bateas asociadas, é unha das principais organizacións de bateeiros da bisbarra, e conta cun capital humano que non sempre é fácil de xestionar: «O máis difícil é que todo o mundo estea contento e tomar decisións coas que ningún socio se sinta prexudicado». Con todo, as súas preocupacións van por outro lado nun ano que está a resultar complicado para un sector que ten moitas frontes abertas.

-Nunha organización con tantos socios é difícil contentar a todo o mundo, e o sector bateeiro ten fama de ser pouco unido. É certa esa reputación?

-É verdade que o sector está moi atomizado, hai pouca unidade. Pero nós somos unha das agrupacións máis antigas, pertencemos a Opmega e sempre estivemos no Consello Regulador do Mexillón, non se nos pode acusar de falta de unidade. Temos a mentalidade de que a unión fai a forza e cantos máis sexamos, mellor. Creo que o sector debería unirse en asociacións máis fortes para defender mellor os seus intereses.

-Foi ese espírito o que o levou a presidir Aspromeri?

-No seu día entrei na directiva coa intención de aportar e intentar mellorar as cousas. Ao final é o meu traballo, e se á asociación lle vai ben, a nós tamén nos vai ir ben. Quero aportar o meu gran de area para que a asociación sexa máis forte.

-Falando do traballo, esta non está a ser unha boa campaña...

-Levamos este ano e o anterior con pouco rendemento do mexillón, non medrou o que tiña que medrar e agora os desplomes... Niso inflúen as condicións meteorolóxicas e non hai moito que facer ante iso máis que intentar adaptarnos.

-E o covid-19 veu poñerlle a puntilla ao sector...

-Si, porque agora mesmo todo o que respecta á exportación é unha incógnita, a ver como pode arrancar a campaña e se non pechan de novo as fronteiras porque a situación está complicada. Esa é unha das nosas maiores preocupacións.

-Ten moito peso a exportación no seu mercado?

-Como asociación xa o foi máis do que é, pero segue sendo importante. Agora traballamos moito para o mercado nacional. Temos a sorte de que as conserveiras están traballando todo o ano, e para fresco, tamén baixou un pouco polo tema da restauración, pero os supermercados van tirando de nós. Non nos podemos queixar. Tamén é certo que o mexillón empeza agora a recuperar un pouco porque estaba moi baixo e así era difícil que tivera moita saída en fresco. Hai que poñer no mercado produto de calidade, non facelo vai en contra de nós mesmos.

-Que outras cuestións o preocupan neste momento?

-Outra das cousas que nos preocupa son as eleccións no Consello Regulador do Mexillón. Tiñamos a unha persoa moi válida, Francisco Alcalde, que leva traballado moito, desde que chegou e houbo un antes e un despois no consello. De feito, foi el o que o puxo a andar. Agora deixa e creo que é un tema que deberiamos tratar entre todos para levar unha candidatura de consenso que dea continuidade ao traballo feito. Cada agrupación defende os seus intereses, pero si que hai unha unidade debaixo do paraugas do consello e sería bo seguir así. Por outra parte, este ano tivemos moitos problemas para coller a mexilla, sentímonos atacados e criminalizados por percebeiros e colectivos ecoloxistas, cando nós só collemos o noso produto sen danar a ninguén. Non somos un sector que busque enfrontamentos, todos somos compañeiros do mar e non debería haber tensións e enfrontamentos.

-Con este panorama, como ve o futuro máis próximo?

-Expectante, esperando que todo saia o mellor posible porque hai moita incerteza. O principal é que todos poidamos traballar ben, que non pechen as fronteiras e que para o consello vaia unha persoa que mire pola unión do sector.