Rosana Pérez: «É o momento de que o PP empece a tomar en serio os problemas do país»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Tras uns anos lonxe da primeira liña, defenderá os intereses da bisbarra no Hórreo

16 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Este está a ser un verán atípico, tamén no que respecta ao curso político. Nun mes no que tradicionalmente apenas hai actividade, vén de constituírse o Parlamento galego, unha institución na que durante os vindeiros catro anos estará a pobrense Rosana Pérez defendendo os intereses das comarcas de Barbanza, Muros e Noia desde a bancada do grupo nacionalista. Nun agosto inusualmente axetreado, saca tempo para falar do presente e do futuro do BNG e de Galicia.

-Hai catro anos quedara ás portas de conseguir un escano no Hórreo, era unha espiña cravada?

-En absoluto. Hai catro anos as expectativas non eran boas, ía de número tres por A Coruña e aínda que tiña posibilidades non contaba con iso, estaba todo moi revolto... Naquel momento foi unha alegría manter os seis deputados porque non había enquisa que nolos dera. E desta vez nin sequera sabía se o BNG ía contar comigo para as listas, non tiña ningunha expectativa. Unha vez que falaron comigo para formar parte da candidatura si que me lancei e alégrome porque gocei desta campaña. A medida que foi avanzando, ao ver o ánimo da xente e as expectativas postas en nós, si que xa tiven claro que esta vez si que ía saír.

-O BNG volve ter representación en Madrid e obtivo un gran resultado nas autonómicas, atopou por fin a formación o seu camiño?

-O noso resultado foi espectacular porque supuxo triplicar o apoio, pero a pesar diso entendo que haxa certa decepción en determinados sectores porque efectivamente non se conseguir o obxectivo de arrebatarlle a maioría absoluta ao PP. Pero se con seis deputados fixemos o traballo que fixemos dentro e fóra do Parlamento, con 19 creo que estamos situados nunha posición excepcional para dentro de catro anos asaltar o Goberno o da Xunta. Hai que traballalo moito, porque nada é gratis, hai que estar ao lado da xente.

-É Ana Pontón a líder sólida que necesitaba o proxecto?

-Nunca mellor dito, Ana foi un pontón fundamental nesta campaña, é unha persoa dialogante, cercana e con moita experiencia e un amplo coñecemento da política. Agora ben, penso que isto é un valor engadido, o que creo é que o BNG pasou momentos durísimos trala asemblea nacional de Amio e foi quen de tomar as decisións axeitadas para encarrilar a situación que nos veu traer ao día de hoxe. Foi un traballo moi duro, moita xente afastouse do BNG, deixou de crer no BNG. O que nos dá solidez a nós e o que lle dá garantías á xente é todo o traballo de todos estes anos.

-Que papel xogará o BNG, e vostede en particular, na lexislatura que acaba de comezar?

-Hai uns días tivemos unha reunión para distribuír as áreas e territorios que serían responsabilidade de cada un e a min vaime corresponder todo o que teña que ver coa pesca e o marisqueo e as comarcas de Barbanza, Muros e Noia. Logo hai dúas cuestións fundamentais enriba da mesa: a crise sanitaria e a crise económica, que vén derivada en parte da pandemia, pero hai moitos problemas que xa viñan de antes e que hai que retomar en serio. Esta vai ser a lexislatura de estar ao lado da xente e dos sectores sociais máis vulnerables, facendo propostas para saír da crise sanitaria e para que poidamos retomar a actividade económica. É o momento de que o PP empece a tomar en serio os problemas do país.

-Coa súa entrada no Parlamento galego tocou xa todos os paus da política institucional, en que papel se sente máis cómoda?

-Non sei como será a experiencia no Hórreo, pero sempre digo que todo o mundo debera pasar polo concello antes de ir a ningunha outra institución. No concello estás a pé de obra todos os días, a todas horas, e aprendes moito. Ves moi de preto os problemas da xente, velos e tócalos. A intención no Parlamento é estar tamén ao pé da xente, esa é a liña a seguir.

«Abandonar a política non entra nos meus esquemas mentais»

Rosana Pérez leva vencellada ao BNG e á política dende ben moza, pero nos últimos anos estivo apartada da primeira liña. Agora volve, e non pensa en deixar unha actividade que a apaixona.

-Volve a formar parte do consello comarcal, en que momento se atopa o BNG en Barbanza?

-É certo que en algúns concellos non temos a representación que tivemos noutros momentos, pero o labor político estámolo facendo igual que sempre, estamos alí onde debemos estar.

-Falaba antes do labor dos concelleiros, pensa regresar á política municipal nun futuro?

-Creo que co traballo parlamentario me vai chegar ben! Tralas eleccións municipais na Pobra fíxose un cambio nos cargos de representación e neste momento estamos moi ben como estamos, traballando moi ben e con expectativas de futuro.

-E na retirada da política?

-O de abandonar a política non entra nos meus esquemas mentais, outra cousa son as institucións. Non sei o que vai pasar dentro de catro anos, pero non me vai doer en prendas facerme a un lado. Estou aí para traballar nun proxecto no que crin sempre, non para vivir disto.

«Para saber de verdade o que pasa hai que ir aos sitios»

Hai pouco máis dunha semana que se constituíu o Parlamento, pero Rosana Pérez está traballando xa intensamente: «Hai moita xente que estaba agardando por nós e hai cousas pendentes que hai que ir resolvendo».

-O seu primeiro acto público como deputada foi unha xuntanza coa confraría da Pobra, é unha declaración de intencións de por onde van ir a súa actividade como parlamentaria?

-A reunión coa confraría era algo que tiñamos pendente, e eu tamén tiña présa por empezar a coñecer de cerca os problemas do sector. Non vou a cegas, porque é un ámbito que coñezo, pero para saber de verdade o que pasa hai que ir aos sitios e falar coa xente. E si, é unha declaración de intencións, porque a Xunta non está facendo todo o que ten que facer polo sector da pesca e o marisqueo, que é estratéxico e que, ademais do confinamento, xa viña de paros biolóxicos e dunha situación complicada.

-Cal é o seu obxectivo neste eido para os vindeiros anos?

-Intentar que desde a Xunta se poñan en marcha políticas que de verdade axuden ao sector a levantar a cabeza, en lugar de afundirlla aínda máis.