Rivadulla descubriu os segredos do cerebro

BARBANZA

MARCOS CREO

Da man de Barbantia, o neurocientífico presentou «A que cheiran as cores?»

02 ago 2020 . Actualizado a las 08:53 h.

A xulgar pola elevada afluencia de público que acudiu ao Cine Elma, había unha gran expectación ante a presentación do libro A que cheiran as cores?, anunciado como unha guía para coñecer o cerebro. O seu autor, o neurocientífico e divulgador pobrense Juan Casto Rivadulla, encargouse de colmar sobradamente as perspectivas do respectable que encheu o patio de butacas cunha intervención na que interactuou cos asistentes.

No acto, incluído na programación mensual da Asociación Cultural Barbantia e organizado en colaboración coa editorial Galaxia e a Concellería de Cultura da Pobra, o autor estivo moi arroupado. Abriu a rolda de intervencións dando a benvida a concelleira Patricia Lojo, e cedeulle a palabra a Cipriano Pose, quen puxo en valor o esforzo realizado para que o suplemento A Voz de Barbantia teña continuidade a pesares da complicada situación provocada polo coronavirus.

Outro socio de Barbantia, o psiquiatra e poeta Fidel Vidal, introduciu o tema que trata o libro obxecto da presentación facendo un ameno repaso sobre a presenza da clínica na literatura, e subliñou a capacidade do autor de A que cheiran as cores? para divulgar conceptos complexos de forma sinxela e entretida.

Gran capacidade

Tamén participou Araceli García Pose, pediatra na área de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, para destacar a capacidade do cerebro para inculcar habilidades nos nenos.

Xa metidos en materia, tomou a palabra Juan Casto Rivadulla, que no canto de falar do libro que tiñan os poñentes sobre a mesa fixo unha amena presentación durante a que puido participar o público para explicar a complexidade do cerebro derrubando algunhas ideas erradas: «O esencial das neuronas non é o seu número, senón as interconexións entre elas».

Trala entretida exposición de Rivadulla, apoiada en material audiovisual proxectado nunha pantalla, pechou o acto o alcalde pobrense, Xosé Lois Piñeiro, quen asegurou que A que cheiran as cores?, libro que está ilustrado por Nuria Díaz, chegará a todas as escolas e bibliotecas do municipio.

A presentación no teatro Elma contou ao principio e ao remate coa actuación dos alumnos da Escola de Música da Pobra.