Á procura de autores de relatos infantís

BARBANZA

adrián gonzález

O Concello da Pobra e Barbantia convocan a terceira edición do certame Carlos Mosteiro

31 jul 2020 . Actualizado a las 16:08 h.

Relatos escritos en galego e dirixidos a nenos con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Eses son os principais requisitos que teñen que cumprir os textos que concorran ao certame Carlos Mosteiro, que onte foi presentado na Pobra. Este Concello e a asociación Barbantia son os impulsores deste premio literario, que foi instaurado hai tres anos co fin de manter viva a memoria do escritor falecido en xuño do 2017.

Como ocorreu nas dúas edicións anteriores do concurso, tamén nesta terceira se mantén un galardón único de 1.500 euros para a pluma que logre convencer ao xurado, que estará integrado por tres persoas vinculadas ao eido da literatura infantil.

O certame está dirixido a todos os autores que queiran sumarse, independentemente da súa nacionalidade. Deben concorrer con obras inéditas que se enmarquen no eido da literatura infantil. Ao igual que ocorreu no pasado, o traballo gañador será publicado pola editorial Galaxia na súa colección Árbore. Dela xa forman parte o relato Os Fantom, co que a autora viguesa Patricia Mallo gañou o primeiro premio Carlos Mosteiro, e O enigma do baúl pechado, co que o compostelán Xosé Antonio Neira Cruz se fixo coa segunda edición.

Ata o 30 de setembro

Os escritores que desexen concorrer a esta certame teñen ata o 30 de setembro para entregar os seus traballos. Poden entregalos en papel, no rexistro da casa consistorial pobrense, ou en formato dixital, a través da sede electrónica local. Tamén é posible remitir as obras por correo ordinario ao edificio municipal, situado na rúa Gasset.

O presidente de Barbantia, Manuel Cartea; o director de Galaxia, Francisco Castro; o rexedor local, Xosé Lois Piñeiro; a concelleira de Cultura, Patricia Lojo; e a viúva de Mosteiro, Lourdes Briones, asistiron onte ao acto de presentación da terceira edición do premio. Todos eles aproveitaron para facer un chamamento á participación.

Está previsto que o fallo se faga público o 30 de outubro. Francisco Castro, Neira Cruz e a filóloga Eulalia Agrelo integrarán o xurado.