Pilar Sampedro: «Odiar o propio é tan triste como non ser quen de soñar os nosos soños»
BARBANZA

Defende que se recuperen as mulleres que escribiron e se silenciaron
25 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Debido á pandemia na que estivemos confinados, por razóns obvias, fixemos esta entrevista vía dixital, o que nos privou do consabido café das grandes ocasións. Queda para despois. E quedemos! Así que, para estirarmos, suxírolle a palabra cultura: «A cultura é algo así coma o sal da vida, o que nos constrúe máis alá dos instintos primarios e nos obriga a facermos preguntas». E segue: «Fainos persoas sensibles e pensantes, e que nos deamos a man co mellor da historia». E, remata a faena: «A cultura fainos percibir a realidade como un produto histórico transformable e, a nivel social, anóanos co noso patrimonio, pés na terra e pensamento no mundo». Nada mal como entrante...
-Ensinante e pedagoga, que rol xoga o libro infanto-xuvenil, e cal é o estado da creación e da edición?
-A miña xeración foi a dos movementos de renovación pedagóxica que introduciu o libro infantil na escola. Esta gran literatura en menos dun século chega vizosa a nós. O libro infantil converte Pontevedra na capital mundial do álbum ilustrado, con Kalandraka e OQO publicando en galego. Hoxe contamos con traducións a outras linguas, con premios e recoñecementos para os escritores/as, ilustradores/as e as editoriais. E pese ao Decreto de Plurilingüísmo e á crise, que atacaron o cerne da cultura baixando publicacións e tiradas, a creatividade segue en pé. Así, en pleno confinamento, as editoras galegas ofreceron os libros na rede para abrirlle as portas ao galego, e que a xente nova siga a ler.
-Nesta liña, cal é a situación das bibliotecas escolares, canto a medios e apoios?
-Pois que son as mellores do Estado, sen dúbida; definíaas como «as mellores da súa clase» a xornalista do Faro de Vigo cando analizaba o estudo estatístico do Ministerio. Sufriron unha gran transformación nos últimos 15 anos, grazas ao labor do profesorado que se implicou dedicándolle tempo, formación e esforzos para poñer en marcha un modelo acorde cos estándares internacionais. Así, as bibliotecas, como laboratorio creativo de aprendizaxe e espazo de encontro da comunidade educativa, son o motor de innovación que avogan por un ensino máis activo e significativo. A Administración non dá dotado de horario os seus responsables, e os centros fan máis do que poden, pois que o obxectivo é claro: construír lectores para que teñan un bo desenvolvemento académico e persoal. E, ademais, combater os prexuízos respecto á nosa lingua. Odiar o propio é tan triste como non ser quen de soñar os nosos soños, e deixalos orfos do patrimonio común.
-Como valoras Internet como ferramenta escolar e social?
-Internet comunica o mundo, ofrécenos moito e gratis, pero tamén nos obriga a ser críticos coa información que nos achega. As redes son capaces de colocar un tolo ou un actor de telenovela na presidencia dun goberno. Por iso hai que dicir que é unha grande oportunidade, pero tamén unha grande ameaza. No ensino está xustamente no lado oposto do libro de texto, fronte á verdade contrastada, á sospeita instalada.
-A nivel persoal, cres na rendibilidade dos blogs como plataformas de difusións cultural?
-Son cadernos nos que escribir e que fas públicos por se alguén quere miralos, coma se os deixases na mesa dun café. Eu levo dous propios: De libros e outros artefactos culturais, onde comento e fago crítica literaria, especialmente de literatura infantil galega, e No país das marabillas, no que atendo un encargo de amor.
-Participas en varios colectivos culturais. Cal é a necesidade e a saúde destas institucións?
-Irregular. Ás veces repítense actividades, ás veces despistan o seu obxectivo, ás veces confórmanse con facelas sen preocuparse de se están realmente intervindo no contexto; e outras fan cousas marabillosas, dignas da máis alta consideración. Sería precisa unha reflexión continua para ver se é ese o camiño ou hai que desviar o rumbo. Boto de menos a coordinación, o traballo conxunto para optimizar recursos e realizar unha intervención máis intensa.
-Defendes unha literatura feminista? Por que?
-Defendo que se recuperen as mulleres que escribiron e se silenciaron. Defendo que as mulleres escribamos e que o fagamos á nosa maneira, pola mesma razón que defendo que leamos e escribamos en galego. O feminismo tróuxome ata aquí, grazas a el podemos facer o que facemos, ter nome e vida propia, sen depender de ninguén. Todas e todos deberiamos ser conscientes do que lle debemos.
-Dous nomes: Avilés de Taramancos e Francisco Añón...
-Pepe Agrelo e máis eu escribimos o primeiro libro sobre Avilés que se chamou Aproximación didáctica á obra de Avilés de Taramancos que levaba o subtítulo de A palabra amiga, porque era amigo, e ter coincidido con el na vida foi un luxo. E, canto a Añón, taballei en Outes moitos anos e alí respírase a súa poesía; así que rematei formando un trío con Santiago Nieto e Ramón Blanco para elaborar un libro e unha exposición sobre o que alí se chama Poeta Añón.
Activista no eido cultural (Perfil)
Pilar Sampedro nace en Queiruga, Porto do Son. Mestra e pedagoga cos cursos de doutoramento realizados, pero inda pensando na tese. Profesora en primaria e secundaria, asumiu cargos de responsabilidade en ambas as dúas etapas, como asesora de formación do profesorado e de bibliotecas escolares.
Na actualidade, xubilada, reparte o seu tempo como vocal do Ateneo de Santiago (e de Barbantia), membro do consello de redacción da Revista Galega de Educación, vicepresidenta segunda de Galix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) e padroa da Fundación Neira Vilas. Muller inqueda, con múltiples intereses no mundo da cultura, que poderiamos acoutar, sobre todo, no mundo da literatura e das artes plásticas.
Ten escrito sobre Avilés de Taramancos; con Xosé Agrelo asinou a primeira obra sobre o poeta, Aproximación didáctica á obra de Avilés de Taramancos. A palabra amiga, con Blanca-Ana Roig Rechou. Realiza a edición e prólogo de Tres capitáns de tempos idos. E tamén o roteiro de Avilés de Noia a Boa.
Múltiples críticas
Con Santiago Nieto e Ramón Blanco levou a cabo un roteiro literario, unha exposición e o libro Aproximación didáctica á obra de Francisco Añón. Son múltiples as súas críticas e recensións de literatura infantil en diferentes medios (Fadamorgana, Eduga, Revista Galega de Educación, Raigame…). E, con Barbantia, no Anuario e frecuentemente no Café Barbantia. Ten colaborado en antoloxías de narrativa infantil e xuvenil galega para a Feira do Libro da Habana, participado no Caderno didáctico para a posta en escena da primeira obra infantil polo CDG: As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, redactado e coordinado as Guías de literatura infantil e xuvenil non discriminatoria 2005-2007 e Guía de Literatura Infantil e Xuvenil para a Igualdade 2019. Coautora das bibliografías para o Salón do Libro de Pontevedra: Mulleres de conto, A revolución e Humor.
Comisariou as exposicións 100 anos de literatura infantil galega (Galaxia) e Literatura infantil xuvenil galega para a paz (SGEP). E participa en presentacións de libros e de exposicións, así como en numerosos xurados literarios. Os seus textos teñen aparecido en varios catálogos de arte.