Implacable selección

EME CARTEA A VOZ DE BARBANTIA

BARBANZA

CEDIDA

Eme Cartea analiza a obra da escultora Soledad Penalta

25 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos a falar de Soledad Penalta. Muller. Asidua na amizade. Artista en permanente expansión por camiños inexplorados. Creadora que, hoxe, domestica o aceiro ao ritmo afiado do plasma, da soldadura, a ensamblaxe, os pregues e a composición aditiva.

Unha creadora que amalloa o brillo das superficies coutadas coa negrume das insculturas, espazo expandido cara ao interior a tal caricia porosa, nunha superficie en progresión onde as siluetas humanas se expanden e apuntan talvez a un horizonte de utopías gozosas. Sole converte o volume en convexa metáfora da ausencia, que se impón como un deseño no ar, amoroso e á vez intimidatorio, álxido e asemade candente.

Soledad exercita esculturas xestuais, cun alto grao de improvisación razoada. Do real á suxestión, constrúe e interroga. Solda e maxina. Avanza e espera. Improvisa e inaugura. Nela hai coma unha declamación do espazo baleiro, interior. O baleiro como estado de plenitude real, igual que na música o silencio entoa a súa mudez. É quen de involucrar corpos e escritura, láminas e palabras como posibilidade mesturada perante a indulxencia perforada e poética das superficies: un horizonte de liberdade poética que resalta o conxunto poliédrico da obra.

Penalta personifica unha apertura a formas vagamente recoñecibles pero con afán de transcendencia, propias da alegoría ou da metáfora. Converte a imposibilidade en algo factible, que se afana en existir, porque a súa apetencia é profundamente «expresiva» e non tanto emocional. Entre Marcel Duchamp (A arte é a idea) e Jean Dubuffet (A arte é a novidade).

A súa escultura de hoxe en día, sen ser «deshumanizada» (Ortega y Gasset), tampouco é rigorosamente abstracta. Nela, home e muller aparecen neste caso como eco de palabra -escritura «plasmada»-, mais tamén como silueta humanoide e non naturalista. Un xeito de esculpir alleo á empatía ilusoria de raíz romántica -que faría imposible a catarse correspondente-, que busca o distanciamento bertoltbrechtiano no que a obra se centra nas ideas e decisións intelectuais e razoadas. O transo da purificación vénlle, pois, ao espectador a través da mente, non do corazón.

«Suplemento de alma»

Na escultura de Soledad Penalta hai sempre un sutil «suplemento de alma» capaz de inserir en nós retallos de realidade e abraio. Diálogo, pois, entre a abstracción evocativa e a intensidade da figuración, entre o puído brillante e a connotación textu(r)al, entre a nobreza do material e a tenrura da evocación poética.

Soledad Penalta, tan singular ou, en palabras de Luigi Pareyson, tan «formativa»: ao tempo que fai, improvisa metodoloxías, porque a súa obra carece de pautas previas e metas previsibles: realiza o seu propio canon a medida que ensambla caligrafías e sintaxes no aceiro, abrindo o «volume» a múltiples interpretacións; isto é, facendo camiño ao soldar.

Penalta, ao tempo que fai, improvisa metodoloxías