Fátima Cachafeiro: «As liñas estratéxicas deben marcarse de forma participativa co empresariado»

a. parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Aposta por establecer sinerxías entre a entidade e os distintos axentes turísticos comarcais

19 jul 2020 . Actualizado a las 13:12 h.

Fátima Cachafeiro Blanco (Forcarei, 1984), «agora mesmo boirense de adopción», está ás rendas da renovada mancomunidade Barbanza-Arousa dende o 12 de xuño. Diplomada e graduada en Turismo, con máster en planificación turística e especializada en xestión de destinos e creación de novos produtos turísticos, conta cun aval de 12 anos de experiencia neste sector. A profesional abordou as principais liñas de traballo e accións en curso ou a desenvolver nesta entidade que agrupa aos concellos de Ribeira, A Pobra, Boiro e Rianxo.

-Cales son as principais novidades nas que traballan?

-Para todas as liñas de traballo que temos abertas eríxese unha acción tractora en forma dunha comisión xestora de turismo e comercio do Barbanza creada recentemente, un instrumento de xestión colaborativo para o desenvolvemento social, económico e turístico do destino. A nosa pretensión é a de que as liñas estratéxicas deben marcarse de forma participativa co empresariado, coa parte privada, para que formen parte desta estratexia e se vinculen ao destino. Dita comisión está formada polo sector privado, as catro asociacións empresariais e hostalería, firmas de actividades de ocio, axencias de viaxe; ademais de institucións públicas como a propia mancomunidade e os Concellos.

-Entón, haberá cambios na estratexia da mancomunidade?

-Un dos proxectos que sacaremos adiante xusto despois da tempada estival é un plan estratéxico de turismo para os próximos dous anos. Queremos que sexa con consenso, a través de mesas de traballo e entrevistas cos distintos axentes do tecido empresarial da comarca. O plan estará baseado nunha continuidade do que existe actualmente.

-O cambio a Barbanza-Arousa é outra liña principal de traballo?

-Si, levámolo acabo porque a antiga marca, no ámbito local, non facía que residentes e empresarios se sentiran representados co destino. Arredor da estreada marca estase a establecer a nova imaxe con novas accións para potenciala e posicionala.

-Lograron algo excepcional, que os veciños poidan ver Cinema Paradiso nun autocine.

-Este proxecto foi unha aposta que xorde a raíz do escenario do covid-19. O certo é que tanto en Ribeira como en Boiro tivo una gran acollida, como a que seguro que ten en Rianxo este mes e a terá en A Pobra en agosto. Estase arraigando moi ben e dependendo de como se manteña esta situación valoramos darlle continuidade con outra edición.

-O proxecto Paisaxes sonoras tamén nace como resposta ás limitacións da pandemia?

-Nesta liña estratéxica de acción ante o covid, cada sábado de agosto, ás 20.00 horas, terá lugar Paisaxes sonoras nos catro concellos. Son concertos e espectáculos con artistas de moito renome, en pequeno formato cun máximo de 50 prazas, realizados en escenarios con riqueza natural ou cultural moi importante. Por un lado continuamos coas accións culturais que foron canceladas, pero por outro lado promocionamos espazos que teñen moito potencial pero non tan coñecidos como os recursos cabeceira da comarca.

-Gran iniciativa, pode adiantar algún artista e localización?

-En Rianxo teremos a Carlos Blanco ante o hórreo da reitoral de Araño, o día 15. Na Pobra será o 8, en Boiro o 22 e e en Ribeira o 29.

«Queremos darlle valor a todo o patrimonio do mar a través da creación dun produto náutico»

A nova estratexia da mancomunidade chega marcada pola importancia de novas rutas turísticas así como do traballo audiovisual en proxectos como Paisaxes sonoras e nas distintas iniciativas do Camiño, como o de A orixe.

Falemos de creación de produto.

Queremos darlle valor a todo o patrimonio do mar, a través da creación dun produto náutico. Chegamos a este punto a través do proxecto europeo Capiten, que se aproveita da tradición de boas prácticas de rexións como a bretaña francesa e contempla a creación de rutas de cabotaxe, así como náutico-terrestres, que leva aparellado un plan de comercialización con empresas nacionais e internacionais.

Cal é o papel do traballo audiovisual na nova estratexia?

Faremos vídeos promocionais pero cun formato distinto e innovador. Por exemplo, en Paisaxes sonoras gravaremos os espectáculos neses espazos menos coñecidos para posicionalos e vinculalos co resto de recursos próximos, pero tamén con outros valores como a gastronomía e o mar.

«Barbanza ten moitos espazos con gran potencial que nos permitirán redirixir os fluxos de visitantes»

A crise sanitaria supuxo un pau para os grandes destino turísticos de sol e praia galegos, pero Cachafeiro ve unha oportunidade para a comarca neste novo escenario de turismo condicionado polo coronavirus.

Barbanza pode sacar vantaxe do formato de turismo ao que obriga o covid?

Non somos un destino turístico masificado, no noso caso a natureza ten moito peso e iso é o que busca agora mesmo o turista. Ademais o noso sector é experto na atracción do turismo de proximidade, temos unha porcentaxe altísima, cuestión que se reforza co tema do covid. Penso que a clave está en que Barbanza ten moitos espazos con gran potencial que nos permitirán redirixir os fluxos de visitantes, o que buscamos con Paisaxes sonoras.

Por certo, haberá ruta de tapas?

Temos un plan B. Se en outono non é posible facela co formato habitual habilitaremos unha canle en Youtube onde os cociñeiros poidan promover os seus pratos e a gastronomía local, amosando a alta calidade do produto.