Kaikias


Sempre me pasa igual nas cidades históricas. Préndome de monumentos pouco coñecidos que me gustan máis que os que enchen as postais e os selfis de Instagram. En Atenas pasoume coa Torre dos Ventos, un singular edificio octogonal de época romana, templo e instrumento de medición ao tempo.

En cada unha das súas caras, representábanse en baixorrelevo os ventos dominantes na cidade, tal e como eran coñecidos no mundo clásico: Bóreas (norte), Kaikias (nordés), Euro (leste), Apeliotas (sueste), Noto (sur), Lips (suroeste), Céfiro (oeste) e Skiron (noroeste). Os xenios venteiros aparecen como vellos, mozos, barbudos, lampiños, portando obxectos que explican o seu impacto na vida e na terra.

Non lles vou negar que fun buscar aqueles que son dominantes na Pobra. Especialmente o noso benquerido nordés, Kaikias. Levei un verdadeiro chasco. Aparecía coma un vello barbudo e descalzo, que levaba un capacho cheo de sarabia que ía estrando por aí.

Mala cousa. Velaí unha diferenza notable que existe entre as culturas mediterráneas e as atlánticas. Porque se os nosos devanceiros tiveran erguido unha torre dos ventos o seu xenio do nordés representaríase coma un afable filántropo, e estaría dotado dunha pa para desviar por unhas semanas as inclementes cargas de auga do océano da nosa costa.

Este ano, se non fose polo amigo Kaikias, vaia veraniño iamos ter. Así que fáganme un favor: como non imos sacrificarlle un año, a vindeira vez que brinden vírense cara ao nordés e agradézanlle o xesto.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Kaikias