Pontón promete en Ribeira situar o sector pesqueiro como unha prioridade estratéxica

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

carmela queijeiro

A líder nacionalista apela a unha gran mobilización o 12, asegurando que «hai partido»

06 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Exercer as competencias sobre o litoral galego, impulsar o saneamento integral das rías e mellorar a cadea de comercialización dos produtos do mar para xerar máis valor engadido son algúns dos compromisos que adquiriu en Ribeira a candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, despois de situar o sector pesqueiro como unha prioridade estratéxica para o seu partido. Engadiu que o primeiro paso será poñer fin ao desatino que supón que «as grandes decisións sobre o noso mar e a nosa costa se tomen desde un despacho de Madrid».

A líder nacionalista explicou tamén que o BNG defende a transferencia da competencia sobre navegación marítima, inspección de buques e salvamento, así como a dos portos de interese xeral. Como unha das liñas de traballo prioritarias, avanzou a consecución dun reparto de cotas que deixe de discriminar á flota galega: «Somos unha potencia pesqueira e o meu compromiso é liderar un goberno aliado dun sector que xera miles de empregos».

Para poder levar adiante estas e outras pretensións enmarcadas nun «proxecto solvente, serio, con ideas e autocentrado», Ana Pontón apelou a unha gran mobilización o vindeiro domingo: «Non se pode perder nin un só voto, se nos mobilizamos haberá un cambio real que nos permitirá empezar a construír unha Galicia con futuro, na que poder vivir e traballar con benestar social».

Optimismo

Ao longo da súa intervención no Malecón da cidade ribeirense, a candidata nacionalista á presidencia da Xunta amosouse optimista de cara aos resultados electorais: «Hai partido e saímos a gañalo». Para iso, instou a sumar no Bloque «todo o voto inconformista, o voto da ilusión e da esperanza para que o 12 de xullo celebremos que deixamos atrás a decadencia da Galicia minguante, legado do candidato do PP, para dar paso a un país próspero, moderno e produtivo».

O mitin contou coa presenza do cabeza de lista pola Coruña, Xosé Luís Rivas, que defendeu os servizos públicos e os servizos sociais, destacando o empeño do BNG por reverter os recortes e as privatizacións: «Sempre demos a batalla pola sanidade, pero se algo nos ensinou o covid é que un sistema público de saúde é clave».