Xoán España: «Co brote de covid, a nós tocounos o máis difícil, protexer a vida das persoas»

Ana Lorenzo Fernández
ana lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Aplaude o gran esforzo do seu equipo para poder controlar a situación

06 jul 2020 . Actualizado a las 14:08 h.

Comezou a traballar en Amicos para botarlle unha man a súa nai, que foi a impulsora desta asociación sen ánimo de lucro para a atención e a integración de persoas con discapacidade intelectual, autismo, parálise, dano cerebral e ás súas familias. Pero, pouco a pouco, Xoán España (Ribeira, 1982) foi asumindo máis responsabilidade e fixo que nestes últimos dez anos a entidade experimentara un gran despegue con novos proxectos e instalacións, e sobre todo, acadando unha situación de normalidade para este colectivo. A súa fórmula para conseguilo é «crer no que fas. Calquera profesión é dura, pero se ti cres nela vas a triunfar».

-Este ano Amicos cumpre 20 anos, pero o coronavirus veu a estragar o aniversario, cun brote que afectou a máis de 30 internos e traballadores, que supuxo?

-Foi un impacto moi grande a todos os niveis. Nesa transformación que todo o mundo tivo que facer en tres meses, co brote de covid, a nós tocounos o máis difícil, protexer a vida das persoas. Foi o impacto máis grande da organización e a nivel persoal tamén, e iso que xa vivimos a crise económica, que foi xusto cando comezamos a construír a base de Boiro. Neste caso xogábamos coa vida das persoas e obrigounos a tomar decisións rápidas.

-Tivo medo?

-Medo sempre se pasa. Quen diga o contrario, minte. O que había detrás era un gran equipo e o medo que había era transformado, non en pánico, senón en ilusión. O gran éxito do que se fixo foi que, tras ese impacto inicial, se reforzou cos equipos e coa ilusión de que iamos saír desta. Foi sobre todo unha cuestión de liderado de todo o grupo e moi dirixido á protección das persoas.

-Como foron capaces de conter o brote?

-Nós tivemos un brote moi grande de máis de 30 persoas afectadas, 22 persoas con discapacidade e 11 técnicos vinculados a este servizo, e o que se fixo foi darlle resposta para que non medrara, e ademais en tempo reducido, e todo iso sen formación, sen experiencia e sen referentes. Moitas veces cando constrúes algo buscas referentes, buscas información, pero neste caso non había nada. Foi un gran traballo interno de reacción e emprendemento.

-E non estiveron sós?

-Non. A resposta da sociedade foi incrible. Cando fixemos a primeira petición de material, todas esas pequenas formiguiñas que sempre nos axudan, desde asociacións de veciños, clubs de fútbol ata grandes empresas e corporacións, estiveron aí. Foi unha resposta solidaria, tamén desde os concellos e desde a propia Xunta, que con nós tivo unha reacción espectacular.

-Foi importante o apoio dos pais dos residentes?

-Antes de que o virus chegara aquí, vendo o que estaba pasando en Madrid, xa falamos cos pais para avisalos de que podían pasar cousas e cousas moi serias. O primeiro que me dixeron foi que tiña liberdade para o uso de reservas e que as decisións que eu adoptara ían ser apoiadas por eles. Ademais, na xunta directiva hai uns pais que teñen a dous fillos no centro residencial, e eu díxenlles que estabamos a falar de vidas humanas. Eles respondéronme: «Están mellor con vós». Iso é un orgullo de ver a confianza que teñen no traballo de todo o equipo. Incluso houbo un momento no que lles pedín que os levaran para a casa. Eles dixeron que a súa cara era esta, e aquí era onde mellor ían a estar.

Despois de todo o pesadelo que supuxo esta situación para Amicos, Xoán España considera que aínda «non se pode baixar a gardar. O problema segue estando aí e é serio». Por iso, hai que seguir vixiando e protexendo aos traballadores e, sobre todo, aos residentes, «porque ás persoas con saúde delicada temos risco de perdelas».

-Como afectou esta situación a toda a organización?

-Paralelamente ao impacto do covid, nós tivemos o reto de como seguir dando servizo e apoio a todas as persoas que estaban na casa, para que os rapaces do cole non sufriran alteracións e non perderan as rutinas do traballo feito; ás persoas de rehabilitación do centro de día para que se mantivesen activas; ás dos cursos ocupacionais, intentando xerar novas rutinas. E na área de emprego, pensando como a reforzamos, para que esas persoas tan sensibles non perdan esa oportunidade. Houbo unha resposta de moito traballo e responsabilidade. Eu penso que foi a etapa da miña vida que máis traballei, xunto co resto do equipo.

-Que balance fai desa resposta?

-Foi un gran esforzo que penso que non só estivo á altura, senón un pouco máis alá, como cando levantas a cabeza por riba do muro, creo que a resposta que demos foi máis que boa.

A crise sanitaria do coronavirus deixará un antes e un despois para as entidades que coidan das persoas con discapacidade, e para Xoán España é importante construír o futuro pero sen perder todo o logrado ata o de agora.

-Como se presenta o futuro tralo impacto do covid?

-Coa crise do coronavirus, a discapacidade volveu á situación de hai trinta anos: sen centros, sen recursos, co crecemento do desemprego, co empobrecemento das persoas con necesidades especiais, e cunha integración que cada vez se vai agravar máis. A vantaxe que hai é que existen organizacións e unha rede sensibilizada para reducir este impacto. Nós, cos datos que temos, tivemos uns custes monetarios con esta crise duns 100.000 euros, dos cales unha parte importante foi para persoal e uns 30.000 euros para mercar material de hixiene e protección.

-Que pasos hai que dar?

-Penso que a colaboración de todos é o importante e a grandeza para saír desta situación. Hai que dar resposta a todas as demandas e para iso temos que involucrar a moitas máis persoas. E todo isto co reto de acelerar nuns meses o proceso que se ía a facer nos próximos cinco anos.