Veiras Manteiga: O pincel que desde Francia se fixo internacional

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Os cadros do noiés viaxaron por diferentes países, entre eles, Alemaña, Holanda e Polonia

05 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai momentos, decisións e vivencias que resultan transcendentais e marcan a vida dunha persoa. No caso de Xosé Luís Veiras Manteiga, ter marchado a Francia, onde estivo residindo 26 anos, propiciou que hoxe sexa un dos artistas punteiros da comarca, con recoñecemento incluso a nivel internacional. Se ben el xa tiraba polo lapis e os pinceis desde neno, foi no país galo onde se lle abriron as portas para converter a paixón pola arte no seu medio de vida, nun período no que en Galicia e en España, o eido creativo repousaba no caixón do esquecemento.

Na súa terra tratara de abrirse camiño como artista, renunciando incluso á carreira de perito agrícola que emprendera empurrado polo seu pai, pero foi en Francia, a onde marchou por amor no 1974, onde se converteu nun pintor profesional. Non levaba nin un ano residindo alá, preto da Bretaña, cando tivo ocasión de montar a súa primeira exposición en Laval, na que vendeu cinco cadros: «Quedei moi sorprendido, porque eu nin sequera me defendía co francés e pintaba obras de estilo figurativo sobre Galicia, España, a emigración, o marisqueo e a muller». Eran cadros que nada tiñan que ver co que se creaba na zona: «Un amigo dicíame que chegara para cambiar a pintura de Laval».

Morriña pola casa

Mentres a súa sona se expandía polo territorio galo, Veiras Manteiga quixo ser profeta na terra e aproveitou o verán do 79 para exhibir as súas obras en Santiago, Noia e Portosín. Lembrouse tamén do seu berce anos despois, cando formaba parte do colectivo artístico Art Vif (Arte Vivo) e incluíu a localidade noiesa na xira de exposicións itinerantes que percorreron España e Francia, chegando despois a Holanda. Aquel grupo foi a orixe doutro que aínda permanece activo hoxe, AAA53. Con el, as pinturas do barbancés seguiron traspasando fronteiras, exhibíndose en Alemaña e Polonia.

Aínda que estando lonxe da súa terra nunca se esqueceu dela, cando regresou trala morte da súa muller tivo que empezar case de cero: «Non tiña contacto cos pintores nin coas galerías e aquí todo é moito máis complicado, non hai o apoio de Francia, onde os organismos públicos mercan obras e arroupan aos creadores».

Pero logrou abrirse camiño e non só no eido da pintura. Participou no primeiro mural que se fixo no Liceo de Noia, elaborou carteis, doulle forma a dous cómics, publicou caricaturas en La Voz de Galicia, traduciu textos do francés para Toxosoutos e ilustrou volumes de autores como Avilés de Taramancos, Maxi Olariaga, Pepe Agrelo, Francisco García Vidal e Pilar Sampedro. Mesmo publicou un libro de poemas: «Son unha persoa inqueda, sempre teño que estar facendo algo». Emprega este argumento para explicar tamén o amplo abano de estilos e técnicas que abrangueu a nivel pictórico: «Sendo autodidacta, probei de todo, porque sempre me gustou experimentar».

Sempre xirando

Pero non dubida á hora de asegurar que a pintura é o seu, o principio ao que sempre volve por moito que camiñe. E nela, coma se dunha roda que nunca para de xirar se tratara, regresa continuamente as orixes: «Podo estar unha tempada traballando corpos espidos, pero logo volvo aos bodegóns ou as paisaxes. Nunca me quedo cunha temática concreta». Aínda así, Veiras Manteiga divide a súa extensa obra en seis bloques: paisaxes celtas como as de Galicia, Bretaña ou Irlanda; naturezas mortas; o feminino, con corpos espidos que foron evolucionando; Galicia, cos seus mariñeiros, emigrantes e labradores; escenas teatrais e campos.

Aos seus 71 anos, séntese orgulloso de ter vivido da súa paixón, convencido de que iso non sería posible se non tivese marchado a Francia: «Alí conseguín atopar o meu camiño». Fala, iso si, dunha espiña cravada: «Non terme dedicado máis á escultura, pero foi por un problema de espazo. Fixen algo en pequeno formato, pero si que me tivera gustado traballar materiais como a pedra e o metal».

En breve cumprirá, no Museo do Gravado de Artes, o soño de amosar toda a súa obra: «Aquí a xente coñécea parcialmente, sobre todo desde que regresei, por iso quería montar esta gran exposición que arranca no 72, nos meus comezos».