Suso Santamaría: «Hai que volver a tomarlle o pulso ao público, é case como empezar de novo»

O empresario boirense reabre as portas da Pousada da Galiza Imaxinaria con moitas ganas, pero tamén cheo de dúbidas


ribeira / la voz

Con grande incerteza, pero con moito ánimo e con ganas de coñecer a reacción do público diante desta situación nunca imaxinada. Así afronta esta etapa de nova normalidade Suso Santamaría, o propietario da única sala de concertos que funciona en Barbanza, A Pousada da Galiza Imaxinaria. A el experiencia non lle falta, pois leva case tres décadas no sector, pero confesa que agora mesmo case parte de cero: «O que valía para antes xa non serve, ao que hai que engadir a sensación que ten o sector de que todo pode caer dun día para outro».

Por iso, o empresario boirense avoga por comezar case desde abaixo para tratar de debuxar novamente unha liña ascendente para a súa Pousada. Empezará organizando concertos no interior, con artistas galegos e mesturando cadeiras con público de pé. Asegura que planificar unha axenda a medio prazo non é tarefa doada: «Levo unha semana chegando á sala e sentándome alí sen saber por onde empezar. Nin sequera teño claro que día funcionarán mellor os concertos ou en que horario. Hai que volver a tomarlle o pulso ao público, é case como empezar de novo e non hai un baremo para medir, pois ninguén fixo concertos ata o de agora».

Quizais é ese reto que se presenta diante del o que anima a Santamaría a emprender de novo un camiño no que xa está afeito a renovarse constantemente: «Necesito analizar esta nova realidade, saber cal vai ser a reacción da xente. Penso que haberá alegría ao principio, para volver de novo á calma. Tampouco creo que sexa a grande explosión». Non dubida á hora de afirmar que o que ten diante del é o maior desafío ao que se enfrontou.

Cando o covid-19 irrompeu, A Pousada vivía unha das etapas máis doces da súa historia. Mesmo pretendía dar un paso máis e abrirlle as súas portas ao público infantil. Decidir agora a que sector dirixir os espectáculos constitúe un dilema para Suso Santamaría. Polo de agora, descartará á mocidade: «O problema é o que poida pasar despois das actuacións. Imos ter que exercer de policías, e iso non o levo nada ben».

No que aos artistas se refire, comproba a diario que teñen unhas ganas tolas de subir de novo ao escenario: «Eles tamén necesitan volver á actividade e saber como vai reaccionar o público. Recibo moitas chamadas, e non só de Galicia, senón de diferentes puntos de España».

Unha oportunidade

O empresario boirense amósase partidario de aproveitar a ocasión para introducir cambios que permanezan máis alá da crise sanitaria actual. Os principais, os relacionados cos horarios e coa regulación definitiva do sector de ocio nocturno: «É o momento para adiantar os horarios e tamén para garantir que todo o mundo cumpra coas súas licenzas, pois antes de que ocorrera isto calquera organizaba un concerto e contrataba un pinchadiscos estando ata altas horas».

Sabe, iso si, que a crise actual pode supoñer o golpe definitivo para a movida: «Por suposto que vai influír, e moito. A única saída é reconverterse, e eu voume poñer a traballar niso de forma inminente». Está disposto a experimentar ata dar novamente coa clave do éxito: «Probarei diferentes grupos, compañías e formatos, en interior e en exterior. Xa estou afeito e seguirei nesa liña. Non se pode perder a paciencia».

Suso Santamaría sabe que a única forma de facer o camiño é botándose a andar: «Non espero ningún milagre, pero non me vou render».

Venres. Aldaolado, o dúo formado por Lucía Aldao e María Lado, actuará o venres (22.30 horas) na Pousada. Ofrecerá Cría fama e bótate a correr, un espectáculo de poesía, música e humor.

Sábado. Tomará o relevo a banda compostelá Cachas & Cousins, cos seus ritmos de rocksteady.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Suso Santamaría: «Hai que volver a tomarlle o pulso ao público, é case como empezar de novo»