Anxo Queiruga: «A casa non pode ser un cárcere para persoas con discapacidade»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

BARBANZA

PACO RODRÍGUEZ

Recoñece que a pandemia afectou moito ao colectivo

29 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Emprego, formación, accesibilidade, educación, turismo, igualdade e cooperación son os obxectivos centrais da Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica (Cocemfe), que o presidente de Cogami, o sonense Anxo Queiruga, liderará catro anos máis. Representa os intereses de 2,5 millóns de persoas e de 91 entidades, ás que pertencen 1.600 asociacións. Esta posición fai que Queiruga sexa tamén vicepresidente da Fundación ONCE e máis do Cermi (Comité Español de Representantes de Personas con Discapacidad).

-Como valora os catro primeiros anos de presidente de Concemfe?

-Foron moi intensos, de moito traballo para coñecer ben a realidade do colectivo en España e aprobar un plan estratéxico o ano pasado. Cando asumín a presidencia non había Goberno; houbo dous presidentes diferentes, tres ministros, tres secretarios de Estado, moitos cambios, que esixiron dedicar moito esforzo ao traballo institucional.

-Que avances destaca?

-O último ano Cocemfe beneficiou a 980.000 persoas. Avanzamos na accesibilidade de edificios que tiñan barreiras arquitectónicas; conseguimos recursos públicos, e de entidades privadas como a Fundación Carrefour, máis aulas multisensorais, e insistimos en modificar a Lei de Propiedade Horizontal.

-Modificaron esa lei?

-Non o suficiente, e esta será unha prioridade os próximos catro anos, que temos que conseguir, si ou si, porque a casa non pode ser un cárcere para persoas con discapacidade. Se nun edificio hai vivendas que non poden financiar un elevador ou reformas para eliminar barreiras, debe haber axudas, non condenar a que persoas con discapacidade sigan sen poder saír para a rúa.

-Como inflúe no colectivo a crise do covid-19?

-Estamos moi preocupados e reclamamos mellor interlocución para as moitas incertezas que temos e que se agravaron nesta crise. Aínda non conseguimos a vella normalidade, temos moitos retos pendentes despois de 40 anos de traballo, e non queremos que a chamada nova normalidade supoña retrocesos. A pandemia afecta moito ao noso colectivo.

-Como o afecta?

-En Cocemfe están colectivos de persoas con discapacidade orgánica, afectadas de esclerose, hemofilia, doenzas renais e outras. Por exemplo: faleceron 400 persoas e houbo máis de 1.800 infectadas entre quen asistían a tratamentos de doenzas renais crónicas, aínda que a iso non se lle deu moita relevancia. E houbo falta de fármacos para doenzas crónicas, de equipos de protección para traballar nos centros de día e residencias, e outros problemas. E falta diálogo fluído co Goberno para buscar solucións

-Que problema tiveron cos fondos procedentes do IRPF?

-Que se traspasou o 80 % deses fondos para as comunidades autónomas, e houbo que apoiar ás entidades para que se adaptasen e non perdesen financiamento, a iso dedicamos moitas enerxías.

-Que outras preocupacións ten para esta nova etapa?

-Conseguimos financiamento a través do Imposto de Sociedades, que representaba 36 millóns de euros este ano e que queren agora reducir cando precisamos eses fondos para avanzar na integración; en Cocemfe temos 82 servizos de emprego e axencias de colocación, e impulsamos medidas para reducir o desemprego no noso colectivo, moi prexudicado por esta crise; e conseguir un novo baremo de discapacidade, regular a figura da asistencia persoal para favorecer a autonomía e a independencia do colectivo; e que se recoñezan os dereitos da Convención da ONU para a discapacidade.