Unha muller cunha nena pola man


(In) somnium

Parada diante do taboleiro de anuncios, unha muller cunha nena collida da man le a esquela dun falecido da aldea. Pasa un coche conducido por un mozo coa música a toda pastilla. Ela xírase e mira. Logo dunha pausa di: «Alabado sexa Deus!». Despois reanuda o paso: a nova e fráxil vida avanza da man da vella, da vella vida que se irá para non retornar... De fronte, vén un home cun caxato guiando un puñado de ovellas... Cae tenuemente a luz da tarde sobre os animais, que camiñan lentamente, berregando, andando e recordando o tempo que se foi e endexamais volverá, como o noso esmorecido tempo de amar, miña pomba. Páranse os dous no medio da rúa e falan, mentres as ovellas seguen avanzando cara ao seu humilde fogar... Conversan pegados ás destarteladas cancelas da memoria, da nosa memoria agraria...

Carpe o miñato no ceo sobre o val. Plana por enriba dos campos sen cultivar. Agóchanse os ratos nos buracos. Brinca a carriza entre as matogueiras e métense debaixo das viñas as eléctricas lavandeiras... Esperan as eguas tras as cancelas de metal polos caramelos e as galletas logo da curva dun pequeno prado que aparece diante de ti: a tarde arrecende a menta, anuncia que chega a noite de san Xoán. Camiña a muller coa nena pola man cara ao leste, onde cae a dourada luz do sol sobre o mar. Unha buliciosa bandada de gorrións discute acaloradamente por un sitio para durmir entre as ramas dunha laranxeira baixo o severo xesto da nosa montaña. Anda a xente nas leiras. Chegan ecos do son dunha gaita da terra. Resoan voces e cantos no calmo pano da tarde. Homes e mulleres celebran a recollida do centeo. Fronte a un campo de trigo, que baila delicadamente co vento, colgan os monllos para secar as espigas nun arame que culmina o muro de pedra que rodea a eira da casa campesiña.

Ladran os cans ao lonxe. Lembras que a poeta Olga Novo está aprendendo a ladrar. E mentres ti vas á escola para aprender o idioma das eguas. Seguen ladrando os cans, pero agora máis cerca. Detrás das desvencelladas cancelas da memoria irrompe na escena unha grea de rapaces inmobilizados, coma nunha foto antiga, calados coma mudos. Cando pasan os cánidos, sacan dos petos uns croios e apedréanos... A sombra dunha ave atravesa o resplandor do crepúsculo. E, de súpeto, un eco lonxano evócache unha canción do disco War de U2. A voz frasea: «Recei e logo agardei pacentemente que se achegara o Señor. Veu. Inclinouse sobre min. Escoitou o meu pranto. Sacoume do pozo, fóra do lodo... Cantarei unha nova canción. Canto tempo cantarei esta nova canción?».

Oes murmurar a herba cando entras no leito do río en Pazos. Renxe levemente o vento do nordeste entre os salgueiros. Corta a respiración o silencio na penumbra da arboreda: só se percibe o murmurio da corrente que suavemente discorre entre os pelouros de seixo, coma suavemente discorría a nosa alegre mocidade, que se foi quedando atrás, atrás para nunca máis volver... Arrecende a menta. Campos solitarios nas crepusculares horas do día. Declina xuño, como tamén declinou o tempo dos nosos apaixonados bicos entre os milleirais. E foi nese intre cando a viches pasar. Sonrosada, firmes peitos, curtidos brazos. Lembras os esmorecidos días de amor. Vela pasar... Mesmo a desexas.. Si. Ah!, suspiros da primeira noite deste estraño verán que se aveciña.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

Unha muller cunha nena pola man