Doctor Migraña e Chamaquito Pistolas: «Cando un está no escenario, esa sensación é a mellor do mundo»

MARÍA XESÚS BLANCO A VOZ DE BARBANTIA

BARBANZA

ABRALDES

Carlos Mariño e Nando Pérez iniciaron un periplo artístico xuntos no 2007, que continúa hoxe

27 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A conversa con Carlos Mariño flúe coa naturalidade de quen ten moito que contar. É un pracer oílo falar da música coa familiaridade de quen lle bule dentro dende sempre. Escoita e responde con pausa e certa timidez. E, como non pode ser doutro xeito, fía a súa traxectoria dende o inicio. Sinala o pai como o seu referente musical na infancia, a quen lembra compoñendo cancións e tocando a guitarra. Mais o punto de inflexión sería Miguel Ríos, cando asiste a un concerto del na Coruña sendo un adolescente.

No instituto férvelle nos dedos as ganas de tocar. E o seu sorriso faise grande ao lembrar as xuntanzas cos amigos para escoitar os Rolling, Burning ou Tequila. E para tocar. Desas reunións en garaxes, en casas particulares, xorde a banda de rock, Os Prestados, a comezos dos 90: «Estabamos Juan, Roberto, logo Pedro, Xani, Chemo, e eu», explica. «Cantabamos temas escritos por Xani, nos que todos participabamos. E tivemos apoio de bandas de Ribeira, como Hepatitis. Os instrumentos eran prestados, de aí vén o nome».

Novo proxecto

Ese ruxe ruxe lévao a mergullarse nun novo proxecto musical. No 2003 canta, como convidado, coa banda ribeirense, A Companhía do Ruído, no festival de Pardiñas en Guitiriz, xunto con Paulino e Las Niñas. «Lembro que estaban Tomitón, Nando Llon, David, Alberto e Capitán Chumeiras». Comezaría unha nova singradura «aprendendo moitísimo e gozando da música como nunca o fixera» e xunto a outros músicos cos que percorrería «festivais de Galicia e de toda España» ata o 2012.