Historias de Selene

A Lúa pode considerarse coma un fósil da Terra primitiva


A Lúa é un globo que se me escapou. Con esta cantarela, moitos nenos e nenas da miña xeración dabamos boa conta da merenda paponeando diante do televisor. O poema musicado de Gloria Fuertes coincide no tempo -estamos a falar dos anos 70 do século pasado- coa teoría científica máis aceptada sobre a orixe da Lúa. A metáfora, intencionada ou non, desvela a filiación do astro.

O noso satélite podería considerarse coma un fósil da Terra primitiva. Unha filla nacida por cesárea após do violento choque entre un corpo celeste, aproximadamente do tamaño de Marte, contra o planeta aínda mozo. Van alá máis de 4.500 millóns de anos, e aí segue. Vixiante. Oculta de día e cambiante de noite. Afastándose de nós cunha velocidade comparable á do crecemento das nosas unllas, pero conscientes ambos corpos celestes, de que o seu destino final será o de seren engulidos xuntos polo Sol. Mentres tanto, nai e filla transitan polo espazo sometidas á ditadura implacable das forzas da gravidade.

A Lúa carece de fronteiras, é de todos e de ninguén. Os filósofos aprendéronnos a mirar cara a ela máis aló do dedo que a sinalaba, quedando retratados os necios. Á par, alguén ideou unha regra mnemotécnica, advertíndonos primeiro da tendencia ao engano do astro, para podermos determinar, sen caer na trampa, a fase pola que atravesa a súa faciana.

Mirala por telescopios

Os científicos animáronnos a collermos un telescopio e observar as peculiaridades das paisaxes lunares. A través do obxectivo descubrimos unhas zonas claras, as terras altas inzadas de cráteres de impacto, e unhas grandes manchas escuras, chairas deprimidas que reciben o nome de maria (mare en singular) pois os primeiros astrónomos asimilábanas aos mares terrestres.

Á espera da próxima misión espacial (no horizonte do 2024) tan só unha ducia de humanos pisou a Lúa. Entre eles, para maior honra do gremio ao que pertenzo, un xeólogo. O único científico en visitala. As rochas, que tanto el como os seus predecesores recolleron, convertéronse en tesouros dun valor incalculable. O exceso de celo dalgún investigador levouno a transportar as mostras asignadas para o seu estudo cosidas á roupa interior.

Non debería causar sorpresa que as distintas culturas, froito probablemente do medo ao descoñecido, montasen cadansúa película ao redor dese círculo brillante que aparecía e desaparecía no ceo cumprindo un ciclo cada 29 días. Nacer, vivir, morrer. Algunha das paranoias actuais son vestixios da tradición popular, retorcida e mal interpretada.

O influxo

Sonche totalmente escéptico sobre o influxo da Lúa e o seu poder de mudar o comportamento humano. A ciencia desmonta calquera conexión. Agora ben, o cualificativo de lunático vénlle ao pelo a aquel aspirante a astronauta da NASA que en plena loucura de amor ousou roubar un anaco de Lúa. Deixando a un lado o feito do delito cometido, o cal foi xustamente castigado con oito anos de cárcere, o acto premeditado de deitarse coa súa parella sobre pouco máis de cen gramos de Lúa, por moi poético que soe, non deixa de ser unha acción tan fachendosa como ridícula. Ser o primeiro en… esa premisa tantas veces detonante da estupidez humana!

Miremos á Lúa con curiosidade, con expectativas de atopar respostas científicas a preguntas existenciais sobre o Universo e, deste xeito, quen sabe se algún día lograremos desterrar os sentimentos irracionais que suscita a súa compaña.

Lúa chea dende Compostela FOTo Carmen Docampo

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Historias de Selene