Diacronía. Arquivos diáfanos

A escultora Soledad Penalta sitúase nas marxes subxectivas da abstracción, o que subliña a validez do diálogo entre a artista e o espectador


A Voz de Barbantia

Primeira muller académica numeraria da Ragba na sección de escultura (2018) e Premio da Cultura 2019. Recoñecementos indispensables!

De entrada, proclamamos que Soledad Penalta, escultora -afastada do concepto de beleza clásica e da arte como mimese-, sitúase nas marxes subxectivas da abstracción, o que subliña a validez do diálogo entre a artista e o espectador, xuíz e parte da obra. A súa traxectoria foxe da obra como produto de reprodutibilidade técnica (W. Benjamin), incluso neste conxunto de catro esculturas, seriadas, mais non con «identidades uniformes» (propio da Arte pop). Este é un artefacto plural, integrado por elementos semellantes mais diversos, pero que segue a gozar da «aura» da unicidade.

Todo isto lévanos a afirmar que a declamación plástica de Soledad rompe de raíz coa filosofía posmodernista na que debería inserirse histórica e conceptualmente: dado que nin reinterpreta a realidade circundante nin xoga con formas consabidas, senón que nos ofrece ideas primixenias, ética e esteticamente absorbentes. Así, é doado rastrexarmos na súa larga traxectoria unha renacenza (ou mantemento) do compromiso artístico e social tendente a cambiar o mundo e a condición humana dende o consubstancial poder revolucionario da arte; e, ademais, empréndeo dende unha constante evolución anovadora da súa praxe cotiá, sen renunciar á beleza insólita e á creatividade sen marcos. A unión sinérxica de técnica, ciencia e arte completan nela o milagre.

No breve texto do VII catálogo de BarbantiaRte, Soledad fálanos de «manuscrito en aceiro... meditación... símbolo... recordos, tempo, historias, fantasías, emocións, soños... todo novo e nunca repetido». De todo iso hai e moito máis, porque a súa escultura é máis arte plástica ca escultura; é metáfora visual, táctil e auditiva que subliña o agochado; disgregación narrativa e perforación da escrita que abre o espazo á profundidade dos universos lacerados de Lucio Fontana e a súa «arte para a Era Espacial».

Catro pezas seriadas, onde a topografía sentimental se conxuga coa tipografía emocional, e ambas crean volumes ingrávidos, profundidade e dinamismo. Catro puntos de enerxía que concentran a materia sensible e se ofrece á sensación dos sentidos. Pero esta escultura ataca e tensa tamén o intelecto -á vez que as sensacións- dende unha suxestiva plasticidade que é silencio musical, meditación e exclamación, estatismo e reverberación: poder misterioso que connota e nos interpela.

Acabado especular

E logo o acabado especular e monocromo do aceiro que contrasta e converxe coa maxia especulativa do discurso poético, nun xogo dual de luces e sombras, de degretas e cicatrices, de trama e transparencias que nos confunden e magnetizan.

Os seus poemas visuais en prosa, a modo de letras capitulares medievais ilustradas e habitadas, tensan o desconcerto do espectador, perplexo perante o vacilante prodixio da beleza, propia e orixinal, desta escultora intrinsecamente de noso e universal.

A obra forma parte da sétima BarbantiaRte FOTo © Iñaki Abella

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Diacronía. Arquivos diáfanos