Cen anos do teatro Coliseo Noela

PEDRO GARCÍA VIDAL A VOZ DE BARBANTIA

BARBANZA

MARCOS CREO

A medida que foi avanzando o século XX, a súa actividade orientouse ao cine

27 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A onda renovadora que percorre o século XIX e primeiras décadas do XX ten tamén expresión nos espazos de ocio, pois así como xorde unha nova arquitectura doméstica ou se multiplican os espazos verdes, a nova sociedade burguesa precisa igualmente de novos lugares para o esparexemento e a vida social. De aí que nas cidades e vilas se constrúan teatros, que en moitos casos eran tipos de establecementos que non existían con anterioridade, ou que, de existir, tiñan unha dimensión moi limitada.

A burguesía precisa, ademais dunha nova cidade onde desenvolver a súa actividade económica crecente, uns espazos para o ocio e, ao mesmo tempo, para o lucimento persoal e para o establecemento de relacións sociais, do mesmo xeito que a aristocracia fixera nos teatros reais. Para isto era necesario dispor dun lugar pechado e suntuoso, amplo, con grandes vestíbulos que funcionen a modo de salóns sociais, e palcos onde poder exhibirse.

Dende o punto de vista técnico, as incorporacións do foxo, tremoia, xogos de decorados variados, etcétera, completan o que será o novo teatro para unha nova sociedade burguesa.

Ao modelo de teatro tradicional, axiña se sumaron teatros-cine, onde convivían os dous tipos de espectáculo. En Noia, o Coliseo Noela, o Teatro Mercedes e o Cine París en Muros, ou o Cine Elma na Pobra, constitúen bos exemplos deste tipo de edificacións.

A medida que avanzaba o século XX, o teatro foi entrando en decadencia mentres o cine se convertía nun espectáculo multitudinario. A construción de teatros diminuíu, e os antigos edificios foron adaptándose co fin de que puidesen coexistir as proxeccións cinematográficas coas representacións teatrais ou revistas.

Lugar de espectáculos de Noia

O teatro Coliseo Noela, emprazado no lateral norte da rúa do Curro, representa o lugar de espectáculos por excelencia daquela vila de Noia da primeira metade do século XX. Teatro, zarzuela, concertos, cine e conferencias traían ás súas salas as actuacións de máis sona do momento. Espectáculos que, polo tanto, tiñan unha importante repercusión comarcal e contribuíron a consolidar unha poderosa centralidade cultural e de ocio da vila.

Edificio modernista levantado en 1920, caracterízase polo emprego de formigón armado na súa estrutura e o ferro na ornamentación, a sobria decoración que se reduce a formas xeométricas, e a adaptación satisfactoria ao contorno por medio do soportal. Presenta unha planta inferior con cinco arcos -o central de maior amplitude- sobre os que se apoia un primeiro corpo. Nel ábrense cinco grandes ventanais partidos por unha columna central a maneira de parteluz. A fiestra central está dividida en catro espazos con triplo parteluz e remate superior en forma de arco.

Inauguración

Inaugúrase o Coliseo Noela a véspera de San Marcos do ano 1921 (24/04/1921), co espectáculo de zarzuela Cádiz e de seguido o orfeón Tambre. A partir de 1966 foi destinado exclusivamente a cine, ata o ano 1986 en que pecha as súas portas.

O Coliseo, adquirido e rehabilitado polo Concello, volveu abrir en 1999. Cunha capacidade de 342 localidades, na actualidade o edificio dedícase a espectáculos de teatro, concertos, cine, congresos e sala de exposicións.

Os espectáculos no Noela tiñan repercusión comarcal