Isabel Gey: «Polo seu deterioro, algúns enfermos xa non poderán volver aos centros de día»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

Fai fincapé na difícil situación que viven as familias e os coidadores dos pacientes

26 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A situación de peche na que continúan os centros de día de Galicia está a provocar grandes problemas. Por unha banda, dificulta a conciliación das familias que dependían destes centros e por outra, repercute negativamente no estado dos enfermos, que se ven privados de atencións e servizos dos que viñan gozando, ao tempo que aumenta a sobrecarga dos coidadores. Diante desta situación, o labor de asociacións que axudan a pacientes e familiares viuse notablemente incrementado. A entidade más antiga de Galicia é Agadea, que se encarga da xestión do centro de día de Ribeira. Iniciou a súa andaina hai 26 anos e nos últimos 18 ten como presidenta á rianxeira Isabel Gey.

-Como está a ser a evolución dos enfermos neste difícil período?

-A nivel xeral, o encerro vivido ocasionoulles moitos prexuízos a este colectivo, sobre todo no relativo aos trastornos de conduta. Despois do confinamento, polo seu deterioro, hai enfermos que xa non poderán volver aos centros de día.

-O encerro foi entón nefasto para o colectivo de persoas que sofren algún tipo de demencia?

-Para a maioría, si. Había pacientes que estaban leves e as familias comentábannos que estaban tranquilos, pero a medida que pasaba o tempo foron sendo conscientes do deterioro. Moitos acabaron reclamando atención, aínda que fora un par de días á semana. Iamos e deixabámoslle material para que puideran despois traballar.

-Cales son nestes momentos as principais carencias para as persoas que sofren algún tipo de demencia?

-O peor é a non asistencia ás terapias, porque non se trata só de recibir atención, senón que para eles é unha actividade de carácter social. Normalmente son grupos que levan tempo funcionando e constitúen unha estimulación para os seus integrantes.

-O peche dos centros de día trata de paliarse coa atención nos fogares, que se pode facer?

-O que se fai nos domicilios é unha estimulación cognitiva en base a programas preparados previamente en función do nivel de deterioro do paciente. Había familias que nun primeiro momento eran reticentes a que se lles prestase este servizo.

-Como están afrontando as familias a situación?

-Para moitas familias é terrible. En moitos casos, os coidadores son persoas xa maiores e sufridas que, nos contactos que tiñamos con eles durante o confinamento, trataban de facerse os fortes, pero cando xa puidemos prestarlles axuda nos fogares vimos que realmente non estaban verbalizando o seu padecemento. Os coidadores pasaron, de súpeto, a estar as 24 horas do día pendentes dos enfermos e iso supón un peso enorme.

-Como poden as familias contribuír a frear ese deterioro mentres permanezan pechados os centros de día?

-É moi importante crear hábitos e mantelos no día a día. Tamén é fundamental estar atentos e, diante de calquera alteración que se perciba, poñerse en mans do servizo de neuroloxía para que a valore. Os coidadores teñen que buscar axuda e liberarse o máximo tempo posible, porque doutro xeito vaise crear unha dependencia aínda máis grande, pois son moitos meses xa.

-Que lle recomendaría a estas familias?

-Eu avogaría por recorrer ás axudas, tanto á que concede a Xunta para a conciliación como ás liñas de subvencións que hai para terapias individualizadas, que foron desbloqueadas ao rematar o estado de alarma e manteranse ata a apertura dos centros de día. Tamén lles diría que traten de verbalizar todo o que están sufrindo e que nos chamen en caso de dúbida. Nós contamos con psicólogos que poden axudar a estes coidadores. Sabemos que, en algúns casos, a situación é xa moi difícil de aguantar.

-Ten previsto Agadea incrementar os seus servizos?

-Si, porque temos que atender a demanda. Está chamando xente que non é usuaria dos nosos servizos porque detectaron problemas en algún familiar a raíz do tempo que compartiron xuntos. Tamén temos persoas que asistían ao servizo de envellecemento activo que piden que se faga algunha actividade de estimulación. En algúns casos, o problemas é a soidade, que nesta situación é máis notable.