Xosé Lois Piñeiro: «Nós nunca pechamos a porta para que o BNG entre no goberno»

Ana Lorenzo Fernández
Ana Lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O rexedor cree que houbo avances para retomar as negociacións e alcanzar un pacto

20 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cun sentimento agridoce define Xosé Lois Piñeiro este primeiro ano do novo mandato, porque foron 12 meses que el distingue en tres etapas: unha primeira marcada polos desencontros para conseguir as dedicacións exclusivas para o equipo de goberno, outra na que comezaron a poñer en marcha proxectos moi necesarios e ilusionantes, e unha terceira derivada da crise sanitaria do coronavirus. «Non conseguir as dedicacións que precisamos dificulta moito o noso traballo, porque estamos sobrevivindo mediante a labor voluntaria dos concelleiros e concelleiras, algúns a xornada completa sen cobrar, polo que hai que agradecerlle moitísimo o que fan».

-Despois de que se revocara o acordo plenario no que se concederon as dedicacións, e que non se aprobara a súa proposta para anular esta última decisión, en que punto se está agora?

-Agora mesmo non sabemos que imos facer, porque o seguinte paso sería un contencioso. Nós nunca pechamos a porta para que o BNG entre no goberno. E a partir de aí poderiamos chegar a un acordo para as dedicacións. Sempre estamos pensando en retomar as negociacións, e por momentos parece que as relacións melloran. Non sabemos se queremos meternos no xulgado porque levaría moito tempo, e entendemos que pode ser un atranco para ese posible achegamento co BNG. Un dos asuntos do conflito, o da secretaria, está resolto. Fixemos a contratación, non de persoal de confianza, senón a través da bolsa de emprego de auxiliar administrativo, e está funcionando moi ben a persoa que entrou e que non ten ningunha vinculación con Nós Pobra nin tan sequera co noso concello. Iso pode ser algo que lime asperezas, porque un dos problemas sempre foi a contratación de persoal de confianza.

-En que punto están as negociacións co Bloque?

-Agora mesmo están paradas, pero imos intentar retomalas. Entendemos que ese pleno foi un atranco por aprobar as dedicacións cando non estaban os concelleiros do BNG, pero consideramos e defendemos sempre que non estamos pedindo nada que non sexa xusto, nada que non tiveran outros gobernos durante toda a historia da Pobra, e nada que non sexa completamente necesario para o funcionamento do Concello e o beneficio da cidadanía. E o que fixemos foi plenamente legal.

-Que balance fai do pacto coa concelleira do PSOE?

-Foi un gran avance e o pacto está funcionando moi ben, e espero que o PSOE faga a mesma valoración. Axúdanos en moitos sentidos e o reparto de áreas permite que avancemos máis en cada un dos asuntos. Patricia Lojo tamén ten dispoñibilidade para estar aquí e sempre axuda en todo o posible, e creo que podemos estar satisfeitos. Aparte, tamén serviu para demostrar que cando alguén quere negociar con nós, é posible negociar, e cando quere incorporarse a traballar en pé de igualdade, non hai ningún problema. Veu con humildade, pero tamén con decisión nas súas áreas e iso é importante. Pactar con alguén que che está dicindo que o fas todo mal é complicado e, sobre todo, cando sabemos que non pensa iso. Non facemos todo mal, podemos ter diferenzas.

-Outra vez tendendo a man ao BNG?

-Se conseguimos con eles un clima de traballo normal, non digo nin sequera excelente, ou bo, ou que alcance os niveis que temos con Patricia, penso que os avances para o concello ían ser moi significativos. Por unha parte, a estabilidade que dá a un goberno poder levar asuntos ao pleno que saian adiante, e porque o BNG ten experiencia noutros gobernos e estano facendo ben.

«Contamos con que as obras no polideportivo de Venecia se retomen o 1 de xullo»

Un dos proxectos que máis retraso acumula no municipio pobrense é a reforma do polideportivo municipal de Venecia, unha instalación que tivo que pechar as súas portas en decembro para iniciar os traballos, pero estes tiveron que paralizarse porque houbo que modificar o proxecto. «Trátase dunha obra de rehabilitación, e neste tipo de actuacións ti podes presupoñer que algo está ben, e cando o empezas a mover, non está tan ben».

-Que problemas se atoparon?

-Estaba previsto reutilizar o dobre teito, que é un material illante tanto acústica como termicamente, pero cando se foi a sacar comprobouse que a maioría estaba mal e non servía. Temos que modificar o proxecto, cambiar o tamaño dos paneis e tres ou catro cousas máis. A nova proposta require o informe da dirección de obra, e ser aprobado polo secretario e por intervención. Nós contamos con que as obras do polideportivo de Venecia se retomen o 1 de xullo, pero a ver se somos capaces.

«Do grupo municipal do PP cada vez esperamos menos»

Nunca houbo demasiado entendemento entre o grupo de goberno e os concelleiros do PP, aínda que algunha vez chegaron a acordos puntuais. Sen embargo, a moción presentada polos populares para axudar aos damnificados pola crise do covid-19 volveu marcar un novo desencontro, e Piñeiro afirma que despois diso, «do grupo municipal do PP cada vez esperamos menos».

-Que ocorreu porque parece un tema que preocupa a todos?

-Nos dixeron que ían presentar unha moción, pero pensamos que sería algo xenérico, sen meterse a medidas concretas porque creemos que non correspondía, e por iso non reaccionamos ben. É una moción completamente irrealizable e demagóxica, e incluso un pouco absurda porque pedía dar axudas a empresas que nos ofreceron a nós axuda porque tiveron beneficios durante a crise. Eles estaban falando dunha cantidade de diñeiro inasumible para o Concello. O problema foi non ter un pouco máis de paciencia, porque eles sabían que estabamos traballando no tema e que estamos esperando á cifra do remanente para facer unha proposta concreta para axudar aos veciños.

«É moi frustrante non poder sacar adiante todas as propostas polo retraso na tramitación»

Durante os primeiros meses deste goberno, o equipo que lidera Xosé Lois Piñeiro puido sacar adiante «algo que nos preocupa moitísimo: a cantidade de proxectos que temos sen executar do mandato pasado, como son o módulo cuberto, o patio infantil cuberto, varias propostas de saneamento importantísimas, estamos falando de centos de miles de euros... E de repente chegou o covid e paralizou todo».

-Este retraso era pola falta de secretario ou pola tramitación?

-Pola tramitación pura e dura. Agora estámolos retomando, pero sempre acaban pasando os proxectos urxentes por diante dos importantes. Por exemplo, agora imos licitar o parque infantil cuberto do Camiño Ancho para o que nos acaban de conceder unha axuda de 40.000 euros, pero só temos ata o 31 de outubro. Entón iso pasa por diante de todo.

-Ao final todo se reduce a que non haxa moitas trabas na tramitación ?

-É moi frustrante non poder sacar adiante todas as propostas polo retraso na tramitación. Eu entendo que o sistema está feito para loitar contra a corrupción, pero acaba dificultando moitísimo a xestión municipal.

«Queremos darlle para adiante desde xa ao proxecto das naves dos Areos e a toda a contorna»

Quedan tres anos para que remate o mandato, pero Xosé Lois Piñeiro ten as metas ben fixadas. «En primeiro lugar quero facer todas as obras que temos proxectadas, porque a cidadanía notaríao moito, porque son importantes, son significativas e darían algún servizo novo, como a Casa da Mocidade, que o covid paralizou por completo».

-Que proxecto de gran envergadura querería ver materializado?

-Hai un que nós consideramos moi dificultoso, pero queremos darlle para adiante desde xa ao proxecto das naves dos Areos e a toda a contorna. É algo fundamental porque non só afecta aos inmobles, senón tamén ao propio proxecto de Costas nese entorno e incluso ao polígono 1 (na antiga fábrica de Barreras), que nos gustaría que se desenvolvera, porque ao final acaba quedando unha zona en ruínas.

-Hai posibilidade de construír?

-Si, ese é o polígono de actuación urbanística número 1, pero hai uns propietarios que queren desenvolvelo e outros que non. O obxectivo, que nos vai levar moito tempo, é preparar toda a tramitación para recuperar o barrio dos Cataláns e logo xa pediremos as subvencións.