O BNG aposta por unha Galicia «que non se esqueza do rural»

Ana Lorenzo Fernández
A. Lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Patricia Torrado e Anxo Núñez van na lista do Bloque pola provincia

16 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

 As comarcas de Muros e Noia terán representación na lista provincial coa que o BNG concorre aos próximos comicios autonómicos que se celebrarán en xullo, xa que contará coa sonense Patricia Torrado no posto número nove, mentres que Anxo Núñez, de Outes, ocupará o 13. Para arroupalos na súa presentación pública onte visitou o municipio sonense a portavoz do Bloque na UE, Ana Miranda, quen tamén tivo un emotivo recordo para Ánxela Franco, portavoz da formación nese concello finada hai un ano. «Queremos unha Galiza que non se esqueza do rural e que non o discrimine, porque nos últimos anos houbo un total desleixo e maltrato aos nosos concellos», sinalou Núñez.

No seu discurso, o representante nacionalista de Outes apostou por «un tempo novo para a comunidade», e fixo un chamamento á mocidade para que acuda ás urnas, «porque a abstención non é unha opción. Precisamos un novo liderado político que defenda ás persoas para superar a situación anómala que estamos a vivir», dixo Anxo Núñez.

Nos mesmos termos falou Patricia Torrado, que aproveitou para denunciar a situación do persoal sanitario, que logo de traballar arreo nesta crise do coronavirus no ten unhas condicións laborais dignas.

Pola súa banda, Ana Miranda, que visitou a nave de redeiras de Porto do Son, dixo que seguirá traballando para axudar ás mulleres do mar, «porque sen elas non hai pesca». A representante nacionalista pediu que se recoñezan as enfermidades profesionais deste sector e que se melloren as súas condicións laborais.