Adolfo Muíños: «Os nosos retos de futuro pasan pola aprobación do plan xeral de urbanismo»

A. Parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O executivo apura para sacar adiante os proxectos paralizados polo decreto de alarma

15 jun 2020 . Actualizado a las 15:37 h.

Transcorrido un primeiro ano de mandato marcado pola irrupción da crise sanitaria, o rexedor rianxeiro, Adolfo Muíños, analiza os proxectos que se puideron levar a cabo, os retos que afrontarán de forma máis inmediata nos vindeiros meses, así como os que virán a medio prazo.

-Cal sería o debuxo global do primeiro ano deste mandato?

-Evidentemente, a valoración global deste primeiro ano está presidida por estes tres últimos meses do covid-19 e as súas consecuencias, no senso de que a dinámica que queríamos seguir foi alterada pola pandemia. Tomamos o reto de sacar adiante aqueles proxectos que tiñamos aprobados ata o de agora a través de distintos plans da Deputación, facendo unha pequena parada en relación co volume de investimentos, preto dun millón e medio de euros.

-Que quedou pendente?

-En materia de servizos, acaba de rematar a obra de instalación de saneamento e abastecemento en Lustres. Están pendentes de executar o de Foxacos, que xa está na plataforma para a presentación de propostas das empresas, e as primeiras fases do de Burés e Pousada, así como o abastecemento do colexio de Taragoña. A idea é seguir este ritmo de subida inminente para ir procedendo á contratación das obras. En dous ou tres meses agardamos sacar adiante a maioría. Respecto dos proxectos de pavimentación, a idea é rematar con fondos propios o da zona de Ourille. Tamén están orzamentados dentro do Plan Único provincial outros en Leiro e na zona de As Barreiras, en Taragoña, aos que se sumarán pequenas actuacións que poidamos incorporar.

-E en materia social?

-A segunda fase da vivenda dos mestres está moi avanzada coa previsión de rematar en agosto, cun mobiliario básico para as oito que serán incorporadas ao programa de Vivendas Baleiras da Xunta. Falta tamén acomodar unha sala de estudo para a mocidade nun dos baixos. Únense melloras en equipamentos, como a zona de xogos do colexio de Asados ou a área recreativa do patio cuberto do de Taragoña, así como catro actuacións en parques infantís. Contaremos cunha quinta que se fará no da Martela e que suporá a primeira zona de ocio cuberta de Rianxo. Igualmente, quedan na recámara, e pendentes do investimento deste ano, a remodelación dos baixos do edificio da piscina e a última fase do arquivo municipal.

-Falemos dos retos de futuro.

-Os nosos retos de futuro pasan pola aprobación do plan xeral de urbanismo. Estamos pendentes dun último informe técnico e xurídico do propio Concello que sería a antesala da súa aceptación. Queremos chegar a culminar este proceso por todos os medios e, de feito, acudiremos tamén á colaboración da Deputación da Coruña para dito informe e así tentar reducir ao máximo os prazos. Tamén temos certo retraso no período de pago a provedores, esta é unha tarefa que nos fixo ser prudentes á hora de acometer investimentos e que nos levou a un horizonte de que este verán poidamos resolver esta situación.

«A intención final é que toda a costa do municipio poida ser percorrida a través de sendeiros»

En materia turística, Muíños celebra o éxito do novo miradoiro de 360 graos instalado no monte Muralla, pero tamén dos plans que están en curso neste eido.

-Crearon un auténtico foco de atracción no monte Muralla.

-Salvado o auxe inicial da apertura, a valoración é moi positiva. O Concello de Lousame e o de Rianxo sabíamos que tiñamos unha das perlas dos miradoiros e esa potencialidade referendouse cunha actuación o máis respectuosa posible co entorno. Quédanos seguir traballando na mellora da circulación cun pequeno circuíto de entrada e saída, pero non está no noso ánimo que se trate dunha macro intervención.

-Cal sería o gran proxecto turístico pendente de Rianxo?

-Entre os proxectos mancomunados, está chamado a ter importancia o do parque arqueolóxico da idade de ferro. En Rianxo actuarase no castro de As Cercas, en Isorna, que conta cunha localización espectacular, sendo a salvagarda do territorio e paisaxe do Ulla. Por outra banda, durante o confinamento adecuáronse varios paseos, como o fluvial do Té ou o marítimo. Tamén queremos unir os petróglifos dos Mouchos coa necrópole dos Campiños. A intención final é que toda a costa do noso municipio poida ser percorrida a través de sendeiros.

«A valoración do crecemento do parque do Té é positiva, xa hai outra adquisición por concretar»

Este mandato seguía a traxectoria do anterior no tocante á implantación de novas empresas no parque empresarial do Té. Muíños pon o foco nas distintas liñas para potenciar o emprego.

-A entrada dunha firma no polígono permitirá crear novos empregos. Cre que esta boa dinámica continuará?

-A valoración do crecemento do parque do Té é positiva e hai outra adquisición por concretar na que seguramente se avance nas próximas datas.

-De forma máis xeral, cales son os plans en materia de emprego?

-Apostamos polo traballo que se está a realizar de política pública de emprego. Tiñamos unha escola obradoiro que estaba a funcionar con 15 traballadores e agardamos a ver se poden volver a darlle saída. Dependendo de si obtemos a subvención, temos solicitado outra iniciativa similar. Ademais, este ano sumámonos por primeira vez ao Programa Integrado de Emprego da Xunta xunto con Dodro, Rois, Cesures e Padrón.

-A conexión de Rede é esencial para garantir o emprego.

-Si, debe haber un estándar mínimo para as zonas rurais cun investimento de Estado e Xunta. Nos vindeiros días firmaremos un contrato cunha empresa para despregar 10 puntos wifi de balde, e cada parroquia terá un.

«No grupo de goberno estamos traballando dentro dun proxecto común»

Se algo distinguía ao comezo deste mando ao novo executivo era a incorporación do PSOE ao grupo de goberno, unha sinerxía da que o rexedor está máis que satisfeito.

-Como é a relación cos outros grupos da corporación?

-Antes de nada quero destacar que a relación co grupo do goberno [que conforman BNG e PSOE] é tremendamente positiva e cordial, no senso de que se comprende cada actuación e de que estamos traballando dentro dun proxecto común.

-Pódese trasladar esta radiografía aos partidos da oposición?

-Da oposición xa falaba ben en anos anteriores, continúa facilitando as cousas e os debates son dentro dun grao de cordialidade.

«Lanzaremos unha liña de axudas ao pequeno comercio para sufragar gastos derivados do covid»

O alcalde rianxeiro fixo un repaso polos primeiros momentos da crise sanitaria e como respondeu o Concello a unha emerxencia para que seguen traballando dende distintas liñas.

-Como foron os inicios da pandemia e as medidas para afrontala?

-A crise colleu a todo o mundo nunha situación de descoñecemento, dende o primeiro momento buscamos seguir as indicacións de Estado e Xunta. Eses primeiros días destinámolos á procura de recursos, puxemos en funcionamento o servizo de desinfección nas rúas e no centro de saúde, e procedemos ao reparto de máscaras a través da Policía Local, Protección Civil e farmacias. Traballamos para que varios alumnos puideran seguir as clases facilitándolles ordenadores e conexión de Rede. Despois foise aliviando a situación sanitaria, aquí quero salientar a colaboración do voluntariado da Asociación Barbancesa de Axuda e Solidariedade (ABAS), que se implicou no reparto de mercancías e de compras a familias que non podían saír da casa.

-En que traballan nesta liña?

-Estamos traballando na dinamización comercial con contactos estreitos coa asociación de empresarios para ter unha plataforma de venda en liña que nas vindeiras semanas se irá despexando. Tamén lanzaremos unha liña de axudas para ao pequeno comercio para sufragar gastos derivados da covid, pode chegar aos 500 euros por negocio.