María Armental: A pluma que tende pontes con Escocia

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

Busca achegarlle aos galegos literaturas similares á nosa, pero aínda descoñecidas

10 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A paixón polas linguas levou a María Armental a mergullarse no inglés, non só decantándose por esta rama formativa a nivel universitario, senón levándoo á práctica en viaxes e realizando investigacións. Co paso do tempo, esta boirense converteu aquela vocación da mocidade na súa profesión, abrindo unha academia na cidade coruñesa, na que reside desde hai 36 anos, e tamén na súa grande afección, que comparte entre un grupo de estudo da Universidade da Coruña orientado á literatura contemporánea, e a arte de traducir. Para a súa estrea nesta última faceta elixiu unha selección de poemas de Douglas Dunn, un prestixioso escritor, académico e crítico escocés. O libro, que foi editado por Barbantia, verá a luz este venres.

Ela estaba traballando para a universidade escocesa, encargándose da coordinación dos cursos de verán para España, cando caeu nas súas mans un libro de Dunn, que era o director do departamento de Filoloxía. Era un poemario de elexías á súa muller, que falecera no 1981, e que a deixou fascinada: «Para min era algo novo, no sentido de que non eran composicións tradicionais para chorar a morte dun ser querido, senón que el lembraba as vivencias con ela, recreando paisaxes nas que estiveran xuntos, tratando a natureza de xeito marabilloso».

María Armental non tardou en darse conta de que tiña que ofrecerlle aos seus compatriotas galegos a posibilidade de acceder a aqueles versos, e contou desde o primeiro momento co apoio do autor. Recoñece que non foi unha tarefa doada: «Para traducir tes que entender moi ben o que estás lendo. É moi importante serlle fiel ao escritor orixinal, non como se facía hai anos, que se trataba de recrear os textos orientándoos ao lector ao que ían destinados».

A boirense fixo unha escolla de 40 poemas: «Comecei esta aventura con moito medo a que ninguén amosara interese por publicar a tradución». Pero atopou no seu camiño a Barbantia, que conta precisamente cunha liña de traballo enfocada a este tipo de obras: «A asociación foi moi xenerosa comigo, o certo é que fai un labor encomiable». Explica que o seu obxectivo non é outro que achegarlle a literatura escocesa aos galegos: «Sábese moi pouco dela, a pesar das similitudes existentes. O acento, tanto o escocés como o irlandés, devólvenos ao galego, cos seus ritmos musicais e amorosos».

Traballos en marcha

A tradutora confía en que este libro sexa o primeiro dunha longa serie. Ela está agora coordinando os cursos de inglés da Universidade de Cork, ao tempo que aproveita para mergullarse na literatura irlandesa. Está, de feito, realizando unha investigación sobre a escritora Kate O’Brien. Tamén ten preparada unha versión ao castelán de Liz Lockhead, autora da mesma xeración que Dunn, e está agora coa tradución ao galego, que confía en poder publicar o vindeiro ano.

As linguas son a gran paixón desta boirense: «Dediquei moitos anos á lectura, á escrita e á investigación do inglés, e cando entras neste mundo necesitas exploralo o máximo posible. Eu fágoo impartindo clases e coas traducións, que son a miña grande afección». Aínda recoñecendo as restricións que supón decantarse polo galego, unha lingua minoritaria, á hora de realizar os seus traballos, para María Armental paga a pena o esforzo: «Eu sinto o galego como algo meu e teño a necesidade de abrir as portas, os ollos e os oídos a culturas novas que teñen moita relación coa nosa. Dar a coñecer a estes escritores é para min un pracer».

Está convencida de que as súas traducións poden abrir novas liñas de traballo a nivel pedagóxico: «Sería moi importante que os mestres introduciran aos alumnos noutras literaturas que poden resultar interesantes, porque a educación ten que ser innovadora, levar ás persoas a explorar outras culturas e outros mundos». Ela fíxoo e quedou fascinada.

Presentación. María Armental estará o venres, ás 20.00 horas, na casa de cultura de Boiro para presentar o libro Poemas escollidos de Douglas Dunn.

Capacidade limitada. Ao acto poderán acudir 80 persoas. Os interesados teñen que reservar asento no correo pastor@barbantia.es.