Ánxela Franco uniu ás súas dúas familias no seu cabodano

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez NOIA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

A crise sanitaria obrigou a reducir a unha cerimonia íntima o que ía ser unha gran homenaxe á política sonense

07 jun 2020 . Actualizado a las 23:00 h.

Hai un ano, a nova da morte de Ánxela Franco fixo tremer os cimentos do nacionalismo galego. Íase un piar do BNG na comarca, así que con motivo do aniversario a formación política estaba a organizar unha gran homenaxe no seu recordo. A crise sanitaria impediu que ese acto puidera levarse a cabo, pero non que as persoas que a querían tiveran a ocasión de lembrala. As súas dúas familias, a de verdade e a política, uníronse onte nunha íntima e sentida cerimonia arredor dunha muller «loitadora, valente, entregada e moi boa amiga».

Na igrexa de Caamaño celebrouse unha cerimonia polo seu cabodano e acto seguido tivo lugar unha pequena homenaxe no cemiterio cunha ofrenda floral. Tamén soaron os acordes do himno do antigo reino de Galicia e Balbino González, que colleu o relevo de Franco á fronte do BNG de Porto do Son, fixo unha breve intervención para lembrar á súa compañeira, de quen dixo que, se non chegou máis lonxe en política, «foi pola súa honestidade, pola súa sinceridade, ía sempre de fronte coa verdade por diante, e iso non sempre gusta». E engadiu que foi emocionante e bonito atoparse coa familia de Ánxela, «porque nós somos a súa segunda familia».

Co himno galego pechouse o acto coa mirada posta xa en recuperar o vindeiro ano esa gran homenaxe que esta vez non se puido celebrar.