O son de bandurras, mandolinas, laúdes e guitarras regresa a Aguiño

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

marcos creo

Vinte afeccionados á música integran Sons, unha formación que prepara a súa estrea

03 jun 2020 . Actualizado a las 21:40 h.

Obrigounos a frear en seco cando estaban preparando o repertorio para a súa estrea, pero os integrantes da orquestra Sons, unha nova formación xurdida en Aguiño, atópanse de novo en acción. A agrupación, liderada por Álex Millet, xorde disposta a escribir un novo capítulo da longa historia musical desta localidade de Ribeira, da que forman parte unha orquestra de cámara, un conservatorio e a Rondalla. Os seus impulsores aspiran incluso a crear canteira, poñendo en marcha unha escola.

Tralo obrigado parón provocado pola inesperada pandemia, o son das bandurras, os laúdes, as mandolinas e as guitarras regresou á zona portuaria de Aguiño hai un par de semanas. Mantendo as distancias, os vinte músicos que integran a Orquestra Sons preparan un repertorio formado fundamentalmente por versións de coñecidos temas de pop, aos que no seu día lle puxeron voz cantantes como Michael Jackson, Lady Gaga, Bonnie Tyler e Nino Bravo. Dos instrumentos desta nova formación tamén brotan famosas melodías típicas da música italiana.

Non hai de momento data para a estrea, pero Álex Millet está convencido de que, se a situación sanitaria o permite, será no verán. O grupo atopou a forma de adaptar a súa música a espazos ao aire libre, ampliando así as súas posibilidades de actuar nos complicados tempos que corren: «Traballamos con instrumentos propios de interior por motivos de son, pero conseguimos adaptalos ao exterior enchufándoos a amplificadores», explica o director de Sons.

Entre os proxectos da nova formación están gravar un disco e tamén montar concertos con artistas convidados da zona, con agrupacións de pandeireteiras e mesmo con grupos de rock. A idea é medrar: «Estamos pensando en incorporar novos instrumentos, como baixos e percusión para conseguir unha orquestra de maior envergadura», comenta o director, que engade que a iniciativa está aberta a todo aquel que desexe sumarse.

Asociación e escola

Coa posta en marcha desta formación, Álex Millet, un veciño de Aguiño que leva desde os 6 anos vinculado ao eido musical e que na actualidade está estudando dirección de orquestra, quixo darlle unha nova oportunidade aos artistas que decidiron abandonar a Rondalla no pasado mes de decembro, cando xurdiron problemas no seo da entidade que propiciaron a dimisión da directiva. «Non me parecía xusto que toda esta xente á que lle gusta a música se vira obrigada a deixar de tocar», comenta. En proceso están os trámites para a posta en marcha dunha nova asociación na que se inclúan a agrupación e tamén a escola que se pretende activar para formar a novos músicos.

Á espera de que o Concello de Ribeira lles facilite un local, os membros de Sons empregan un espazo cedido pola confraría de Aguiño, aínda que na actualidade, para cumprir coas normas da desescalada, quedan na terraza do edificio mariñeiro e anímanlle as tardes dos sábados aos veciños da contorna e aos que adoitan pasear pola zona. Prepáranse para amenizar todo tipo de actos: «Non nos pechamos a nada, pois temos un repertorio variado, que inclúe mesmo música clásica e tradicional ou bandas sonoras. Podemos actuar en vodas e outros actos relixiosos e tamén ofrecer concertos tanto no interior de locais coma en espazos abertos», explica Millet.

Aínda que son afeccionados, están moi ilusionados coa aventura que veñen de comezar. Xa teñen contactos con formacións de León e Portugal para, co permiso do coronavirus, participar nun futuro próximo en programas de intercambio.