Ana Isabel Boullón: A pobrense que rastrexa nas raíces da lingua

Ana Lorenzo Fernández
Ana Lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CEDIDA

É unha das maiores expertas na orixe dos nomes e apelidos, así como na toponimia de Galicia

22 dic 2020 . Actualizado a las 23:01 h.

Algunhas persoas teñen moi claro cal foi ese momento no que a súa vida cambiou e marcou o seu futuro. Para Ana Isabel Boullón Agrelo (A Pobra, 1962) ocorreu cando estaba en terceiro curso de Filoloxía Hispánica e coñeceu a «unha mestra moi boa, Rosario Álvarez, a actual presidenta do Consello da Cultura Galega. Ela descubriume o galego, a lingua da miña avoa e de todos os avós, pero á que non se lle daba importancia, porque daquela os pais pensaban que era mellor para os fillos falarlles castelán».

Para ela foi todo «un descubrimento persoal», porque nunca estudara a lingua de Galicia. Quedou namorada e quixo dedicar toda a súa formación a coñecer os segredos dun idioma que foi moi maltratado ao longo da historia, «e a pesar de tantos anos de autonomía, a normalización do galego non avanza, e aínda existen moitos prexuízos», lamenta a pobrense, que tras rematar a carreira observou como todos os seus compañeiros marchaban impartir clase nos centros de secundaria, onde se converteu nunha materia obrigatoria. Mentres, ela empezaba a traballar no Instituto da Lingua Galega (ILG).

«Había moitísimas cousas por facer, porque daquela nin había un dicionario de galego, xa que o Xerais saíu no 1988. Eu tiven que ocuparme de toda a lingua administrativa do Reitorado da Universidade de Santiago, a traducir miles de impresos que estaban en castelán e a normalizar toda a linguaxe da entidade». Durante estes anos, Ana Isabel Boullón tamén aproveitou para facer a súa tese doutoral, que tivo como tema central a antroponimia no alto medieval galego, unha investigación que a levou a mergullarse en textos anteriores ao século XIII, todos escritos en latín, pero que resultaron moi enriquecedores: «Porque os documentos medievais dan as pistas das formas orixinais dos nomes». Neste traballo contou coa axuda de Ramón Lourenzo, director da ILG, co que tivo sempre unha moi boa relación, que se mantivo cando foi escollida para formar parte do seminario de onomástica da Real Academia Galega, da que é académica correspondente desde o ano 2012.

Aínda que a investigadora pobrense sinala que o seu traballo principal -ademais de dar clase na Facultade de Filoloxía- é a crítica textual de textos antigos, nas últimas décadas fixo unha grande contribución para aportar un pouco máis da luz sobre a orixe dos apelidos e nomes galegos. De feito, xunto con Xesús Ferro foi a autora do Dicionario dos nomes galegos, e tamén da web Cartografía dos Apelidos de Galicia, un labor no que contou coa colaboración con Xulio Sousa.

Por si fora pouco, en todos estes anos participou tamén na elaboración de distintos dicionarios e nunha morea de libros, investigación e publicacións. Precisamente, o primeiro artigo que publicou tivo como tema central o nome do seu pobo, xa que durante anos houbo unha intensa polémica sobre si era Puebla, Poboa ou Pobra. «Lembro que quixemos facer un acto para explicar a orixe do topónimo, pero o alcalde de entón non nos deixou un local e tivemos que ir á casa do mar. Non entendo porque se lle quería negar á xente a información», afirma a filóloga.

Proxectos en marcha

A crise do coronavirus non fixo que parara de traballar nin un segundo, e ademais de ter clase telemática cos seus alumnos, Ana Isabel Boullón está enfrascada nunha nova investigación sobre a crónica de Iria no século XV. Segundo revela, foi «un auténtico culebrón», porque este núcleo foi a primeira sede episcopal antes que Santiago. Ademais, é presidenta da Asociación Galega de Onomástica, que xunto coa RAG está a editar a colección de cadernos Terra nomeada, «que recompila e estuda os nomes de lugar habitados e algúns dos principais accidentes xeográficos dos concellos de Galicia, dun xeito divulgativo e ameno para axudar a coñecérmonos algo máis como galegos».

Entre tantas investigacións, Ana Boullón sempre busca un oco para regresar ao municipio pobrense: «Vou todos os domingos porque miña nai cociña de marabilla». Confesa que, agora que chega o verán, bota de menos aqueles baños que se daba cando era pequena xunto ao seu irmán. «A miña sempre foi a praia dos Areos, onde estaba o peirao de Barreras, xusto fronte á fábrica co meu pai», lembra.

Formación. Licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa, é doutora coa tese «Contribución ó estudio da antroponimia medieval galega (séculos VIII-XIII)».

Traballo. Profesora de Filoloxía Galega na USC, integrante do Instituto Galego da Lingua e da RAG.

Un recordo: Ana Isabel Boullón estudou ata os 9 anos no colexio pobrense Fernández Varela, que naquela época era coñecido como o Grupo e que estaba situado a escasos metros da vivenda familiar