Cautela ou desánimo

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

28 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que pouco a pouco a vida volve á normalidade, eu cando menos nin de lonxe vexo esas avalanchas de confinados desesperados aspirando a facerse con sitios nas terrazas, dotarse de toda a nova roupa de tempada ou abarrotando canto servizo aberto hai. Iso que certas redes sociais e televisións se empeñan en facernos crer. Pero non é así.

Esta semana apreciei máis ben o contrario: unha sensación xeral entre a prevención, o desánimo e a prudencia. Sen máis datos que a miña percepción subxectiva, creo que a caída do consumo vai estar propiciada, de momento, pola desconfianza do cliente. Son días soleados, agradables para camiñar, pero o comprador non se anima. E ese estado mental parece máis preocupante que as propias limitacións derivadas das restricións sanitarias.

A desconfianza será por medo ao contaxio ou por cautelas económicas, pero polo momento existe. Pero tamén podemos estar vendo tan só paciente cautela. Cando vexamos isto na distancia, quedará o gran civismo e aínda dará máis noxo a estratexia de confusión promovida por uns desalmados. Apóstolles algo que o van pagar nas urnas.

Se cadra onde máis me sorprendo é no comportamento dos adolescentes. Atópanse e circulan sen ningún tipo de prevención, cunha despreocupación que só pode vir dunha certeza outorgada polos fiabilísimos grupos de WhatsApp e outros mecanismos serios. Teñen que estar convencidos de que son inmunes por natureza ou algo, e que todo isto foi unha cousa de vellos que non lles toca. Deberamos reaccionar a isto.