Tanxugueiras: «Confiamos en que o público non se esqueza de nós»

M. Meizoso CARBALLO / LA VOZ

BARBANZA

Sandra Alonso

As integrantes do grupo tradicional confían en volver pronto ao escenario, tralo parón actual

25 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Estamos bastante concienciadas no que é o medio ambiente», recoñece Sabela Maneiro, unha terceira parte do grupo de música tradicional Tanxugueiras. «A nivel egoísta -engade- somos conscientes de que se desaparece o mundo desaparecemos nós tamén. Aínda que un non queira pensar nos demais, se pensa nel mesmo tamén poderá ser consciente do que nos xogamos», di.

-En que aspectos amosan ese compromiso?

-Intentamos reciclar ou coller o coche o menos posible. Nestes momentos, trátase de contaminar o menos posible e de concienciar, cos nosos xestos, tamén ao resto da xente. Isto ten data de caducidade e, se non miramos por este mundo, imos estar moi amoladas. Neste momento, isto do covid-19 creo que mudou a nosa forma de pensar. Pensabamos que isto non podía pasar aquí, viámolo en China e parecíanos moi afastado. Polo tanto, pensar que xa estamos sufrindo e que os riscos ambientais están aí é algo que temos que ter presente. O planeta pode chegar a apagarse e hai que intentar evitalo. Creo que isto nos ten que servir a todos para concienciarnos de que sen planeta non vivimos.

-Fala de reducir o uso do coche. Xa houbo algún grupo como Coldplay que anunciou que buscan alternativas a ese transporte para as súas xiras.

-Esta moi ben que grupos coma ese, grandes bandas, dean exemplo. Parécenos que individualmente non podemos facer cousas importantes e non é así. Vese agora con isto do coronavirus que, se quedamos na casa, podemos facerlle fronte. Pois o mesmo hai que extrapolalo ao tema do medio ambiente. Individualmente claro que me podo quedar na casa, pero a cousa é facelo entre todos. Hai moito tempo que perdín a fe na humanidade, pero intento recuperala porque é algo que non se pode perder. Creo que debemos ser conscientes de que temos que mudar os nosos hábitos.

-Individualmente, que fai?

-Pois intento reciclar, aínda que ás veces non é doado porque ás aldeas só vén un camión. Creo que nestas zonas deberían mellorar as cousas. Despois intentamos, as tres, ir ao supermercado e mercar cousas sen plástico. Pero tamén o poñen complicado. Non tirar cabichas e porcallada ao chan tamén é moi importante. Ver máscaras e luvas no chan, como estamos vendo nestas semanas, paréceme noxento.

-A nivel profesional, como levan todos os efectos desta crise do coronavirus?

-A situación é moi complexa, pero o que máis nos importa é a saúde. Pensamos no noso futuro e vemos que está todo parado. Confiamos en que o público non se esqueza de nós. A cultura e a música son moi importantes. Son tempos moi difíciles. Polo de agora meter 50 persoas nun auditorio cando tes que pagar tantos salarios non é viable. Así que estamos esperando... Aínda que este ano xa o damos por perdido.