15 minutos

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

26 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A alcaldesa de París, Anne Hidalgo, aceptou o reto do urbanista Carlos Moreno para explorar a modificación da cidade para que calquera cidadán teña os servizos esenciais a 15 minutos, camiñando. Falando de París, con dous millóns de almas, parece algo máis que un reto, pero tódalas transformacións urbanas conseguíronse en base ás utopías.

O cambio climático e a pandemia forzan a poñer sobre as mesas do debate urbano propostas que modifiquen os hábitos de vida e a mobilidade urbana, tendo en conta tamén a cantidade de tempo que perdemos. Chámanlle cronourbanismo

Dende a vida nos castros ata a da industrialización, as persoas sempre viviron a carón do seu lugar de traballo, tanto no ámbito urbano como no rural, onde a estrutura territorial estaba perfectamente proxectada para reducir tempos e optimizar o traballo.

Cando chegou a industrialización e a emigración do campo ás cidades, xurdiron teorías e utopías e plans de «cidades ideais» que loitaban contra a separación entre o traballo e a casa. No que vai de século, os modos de vida, a globalización, a especulación e consecuente xentrificación atomizaron a relación entre a casa e o traballo, promovéndose os absurdos desprazamentos que fai saltar polos aires a orde familiar.

Poder chegar camiñando ao traballo, ás compras, ao centro de saúde e centros educativos é un luxo que só desfrutamos nas vilas pequenas, pero impensable nas cidades e no rural. Nos foros de expertos xa se traballa en facer propostas viables ás nosas autoridades, pero necesitamos facerllo ver ao pobo. Outro mundo máis sustentable é posible.