«Agora que se pode saír é cando teño medo, hai que ser moi responsables»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

carmela queijeiro

Transplantado de medula hai sete anos, sabe que o risco para el é moi elevado

20 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Volveu nacer hai sete anos, cando un transplante de medula ósea lle permitiu esquivar a morte. Aquela complicada intervención obrigouno a pasar longas estadías confinado no hospital, e logo, nas distintas recaídas que sufriu, permaneceu novamente illado. Quizais por iso o encerro motivado agora polo coronavirus non pesou en demasía sobre as costas de Juan Carlos Brión. O que peor leva este ribeirense, afeito a lidar duras batallas, é o feito de verse demasiado sensible fronte a esa nova ameaza. Sabe que el, coma outros enfermos de cancro, é unha presa fácil para o covid-19 por carecer das defensas necesarias. Apela polo tanto á responsabilidade individual, adoptando as máximas precaucións no seu día a día.

El estivo, xunto coa súa parella, un mes e medio sen saír da casa, consciente de que o perigo estaba na rúa: «Ata nos deixaban a compra do supermercado na porta». Para evitar posibles contaxios, un dos seus fillos decidiu pasar o confinamento en Pontevedra, onde estuda, e o outro regresou a Ribeira desde A Coruña, pero aloxouse na casa dunha tía para protexer a seu pai: «No fondo, dáme rabia que todos teñan que estar pendentes de min e que non poidan facer a súa vida con normalidade», recoñece, aínda sabendo que é a mellor opción.

Resgardado na casa, Juan Carlos Brión marcouse unha rutina que fixo que os días voaran: «Non tiven ningún problema, porque teño aparellos para practicar deporte e logo paso bastante tempo no ordenador, traballando e tamén mantendo o contacto cos rapaces do club de natación de Boiro -do que é o director deportivo-». Foi co inicio da ansiada desescalada cando o ribeirense sentiu de novo presión: «Mentres estabamos todos na casa estiven tranquilo. Agora é cando teño medo, hai que ser moi responsables e adoptar as medidas que nos recomendan os expertos». A súa mensaxe vai dirixida á poboación en xeral e aos pacientes inmunodeprimidos e doutros colectivos vulnerables: «A nós o virus vainos ocasionar graves danos, porque non temos defensas para combatelo».

Segunda vida

Consciente do risco que corre cada vez que pisa a rúa, faino só cando é imprescindible. Iso si, como amante do deporte que é, desde que está permitido non perdoa a saída das oito do serán para correr e coller forzas. A incerteza, «por non chamarlle medo», é a súa particular espada de Damocles: «Estou gozando dunha segunda vida, porque no seu día dixéronme que a única solución que había para a miña enfermidade era un transplante, e iso é moi duro. Agora non me sinto máis forte por ter afrontando un cancro, porque sei que son máis débil».

Ademais de á familia, á que aínda non se atreveu a visitar, Juan Carlos Brión bota en falta aos seus alumnos: «Gustábame pasar as tardes cos rapaces de natación e de tríatlon de Boiro, achegándolles os poucos coñecementos que teño do deporte. Non poder estar en contacto directo con eles si que me vai afectar». É consciente de que no seu caso tardará en recuperar a rutina: «Ata a chegada dunha vacina non me vexo facendo vida normal, porque non me vou sentir seguro. Iso xa o teño asumido. Mesmo estou pensando en montar unha oficina na casa, para ter aquí o meu espazo, porque é evidente que isto vai para longo».

Como persoa activa que é, Juan Carlos Brión non se conforma con ficar sentado esperando a que esa ansiada vacina lle devolva o dinamismo do pasado. Coa axuda das redes, neste caso Instagram, puxo en marcha unha iniciativa para darlle voz a persoas vinculadas ao deporte: «A idea xurdiu diante da imposibilidade de levar a cabo a travesía Illa de Rúa, pois quería seguir divulgando esta proba solidaria, na que se recadan fondos para a loita contra o cancro». Pero agora xa pensa en mantela todo o ano. As dúas vindeiras emisións serán en domingo, ás 18.00. Logo haberá cambio de horario.