Ricardo Carvalho Calero triunfa na Rede

BARBANZA

MARCOS CREO

Rianxo editou un folleto especial en homenaxe ao escritor ferrolán e A Pobra convoca un concurso de relatos curtos

17 may 2020 . Actualizado a las 11:00 h.

A lingua está por riba de calquera virus e, por iso, aínda que este ano a celebración do Día das Letras Galegas teña que festexarse dunha maneira un pouco atípica, ningún concello da comarca se esquece de homenaxear a Ricardo Carvalho Calero. Ademais de todas as iniciativas que hoxe se porán en marcha a través das distintas redes sociais, en Rianxo editouse un folleto especial dedicado ao escritor ferrolán -que está colgado na web municipal-, no que se ofrece información sobre a súa vida e obra, completando o documento con algúns dos seus traballos e con ligazóns a varias das súas intervencións e estudios.

Na Pobra, ademais de adornar o balcón da casa consistorial cun cartel conmemorativo en homenaxe a Carvalho Calero, púxose en marcha o concurso de relatos curtos Tempo de letras, que terá tres categorías: infantil, xuvenil e adultos. Segundo explicou a concelleira de Cultura pobrense, Patricia Lojo, os traballos deberán estar redactados en galego, a temática é libre, e a extensión máxima será de catro follas, dando a posibilidade aos nenos de que os escriban a man.

Ata o 29 de maio poderán entregarse as obras no Concello ou envialas ao correo electrónico culturapobra@gmail.com, no que se incluirá o relato baixo un pseudónimo e os datos de contacto do autor. Os gañadores do certame recibirán un lote de libros, unha tableta (infantil), e un teléfono smartphone (xuvenil e adulto); e tamén haberá un obsequio para os segundos clasificados en cada categoría.

Lectura colectiva

As redes sociais do Concello de Ribeira servirán hoxe de escenario para festexar o Día das Letras Galegas con varios contacontos, a cargo de Raquel Queizás (11.00 horas) e Charo Pita (19.30 horas). Tamén os alumnos e mestres do conservatorio interpretarán o himno galego, e haberá una lectura colectiva das obras de Carvalho Calero.

En Porto do Son festexarase co contacontos O Paroleiro (ás 19.00 horas nas contas oficiais do Concello); mentres que en Lousame o escritor Xulio Pardo de Neyra compartirá a charla Zernadas de Castro e a súa obra, e o Concello realizará unha ofrenda floral diante do busto de Zernadas de Castro en Fruíme.

Contacontos e presentación de dous volumes dedicados a Carvalho Calero conforman o programa cultural de Boiro para este día, mentres que en Carnota animan aos veciños a subir ás redes vídeos exaltando a figura do ferrolán.