Homenaxes que cambian a rúa polas redes

BARBANZA

CEDIDA

Os concellos de Boiro e Ribeira trasladan a Internet os seus actos en honor de Carvalho Calero

15 may 2020 . Actualizado a las 18:19 h.

Aínda que este 17 de maio non será un Día das Letras Galegas en toda regra, non por iso os concellos da comarca se esqueceron do persoeiro ao que este ano se dedica esta xornada de homenaxe a un dos grandes da lingua e da literatura de Galicia, Ricardo Carvalho Calero. Así que parte das actividades que estaban preparadas para esta xornada cambiarán as rúas polas redes sociais, nas que haberá unha completa programación.

En Ribeira optaron por orientar os seus actos e enfocalos cara as familias, para que poidan participar destas festa das letras de forma telemática. Desta maneira, a proposta do Concello está conformada por dous menús de contacontos, un a cargo de Raquel Queizás e outro de Charo Pita, aos que se unirá a lectura da poesía Evocazón da infancia perdida, de Carvalho Calero, a cargo de 15 integrantes do grupo municipal de teatro de Ribeira. Tampouco faltará a música, xa que haberá unha interpretación do himno galego a cargo dos alumnos e profesorado do conservatorio municipal Enrique Paisal.

Todas estas actividades serán retransmitidas o día 17 de maio polas canles de Youtube e Facebook do Concello de Ribeira en dous horarios, ás 11.00 e ás 19.30 horas.

Ademais, desde ás concellerías de Cultura e Educación fíxose un chamamento á veciñanza para que envíe vídeos lendo algúns textos de Carvalho Calero. Aqueles que desexen colaborar teñen que remitir os seus traballos ao correo normalizacion@ribeira.gal.

Contacontos

En Boiro tamén trasladaron ás redes sociais os seus actos, que comezarán ás 12.00 horas do 17 de maio, cun contacontos a cargo da compañía Teatro do Improvisto. Pola tarde, a asociación cultural Barbantia presentará dous libros: Foula e Ronsel. Os anos que marcaron a biografía de Carvalho Calero (1910-1941), de Aurora Marco, e Ricardo Carvalho Calero. A pegada do compromiso, de Héctor Cajaraville. Este acto completarase cunha lectura de poemas a cargo dos alumnos do municipio.

Ademais, a programación deste Día das Letras Galegas incluirá a presentación do ciclo Cultura na Rede, que consiste en presentar -a través de pequenos vídeos- a algúns dos veciños que máis están aportando a este sector, como Fran Velo, Sonia Lebedynski ou María Magán.