A xenerosidade de Portos de Galicia

José Vicente Domínguez
José Vicente Domínguez LATITUD 42°-34?, 8 N

BARBANZA

14 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Coido que, neste medio, xa falei dúas veces de Portos de Galicia. Pois aí vai a terceira. Permítaseme que, a modo de introdución, lles diga o bo e necesarias que son as críticas e as reclamacións aos xestores dos nosos gobernos. Se non houbese liberdade de críticas, os nosos representantes políticos durmiríanse nos loureiros ou, o que é o mesmo, nos escanos do Senado. Por certo, que agora no Congreso non os deixan durmir, pois, como van poucos, teñen que estar atentos para aplaudir a quen diga o insulto máis grande. Pero, ao que ía con iso das críticas; cando se converten en enfrontamentos partidistas, ademais de perder credibilidade para todos, non serven para nada; por moito que enchan os móbiles con moreas de mensaxes que insultan á intelixencia. Que ben o dixo Fiedrich Hayek, «o papel primordial dun dirixente público é servir aos cidadáns que representa, por enriba de enfrontamentos banais entre políticos de siglas distintas». Por certo, Hayek era un liberal contrario ao socialismo. Se daquela falaba de enfrontamentos banais, non quero pensar como cualificaría os que vivimos na política española de hoxe en día.

 E falando de exemplo de servizo aos cidadáns, permítaseme dicir que me parece moi axeitada a decisión do Concello de Ribeira de suprimir as taxas de terrazas dos locais de hostalería, para axudar a paliar as graves perdas deses establecementos. Supoño que o farán, cando menos, para todo o presente ano. Ben feito.

Tamén me parece ben que a oposición lle reclame ao Goberno de España o impago da cota de autónomos. É de senso común que as cotas son debidas á actividade que se desenvolve. Xa que logo, ao non poder exercer dita actividade, parece de caixón que non haxa que pagar cota algunha. Totalmente de acordo coa crítica e conseguinte reclamación.

E cando eu quería deixar a cousa así, chea de loanzas, aí vén Portos de Galicia para obrigarme, por terceira vez, a facer crítica da súa hipócrita xenerosidade. Resulta que nas presentes circunstancias, como acto de altruísmo, di que vai «flexibilizar o pago das taxas dos diferentes servizos portuarios». Ou sexa: non paguedes agora se non podedes, pagade todo xunto ou aprazado aínda que despois non podades. E aí temos un exemplo de hipocrisía dunha crítica política.

Por unha banda, a Xunta de Galicia e o partido que a sustenta esíxelle ao Goberno de España que deixe de cobrar polas actividades que os cidadáns non poden levar á práctica. E pregunto eu, porque a Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, non deixa de espremer o abusivo teto das terrazas da hostalería que, segundo eles, ocupan o seu territorio? E porque non suprimen a taxa X-5 das embarcacións que no puideron ser utilizadas desde o pasado 14 de marzo? A tempo están de corrixir esa ordenanza e predicar co exemplo. Claro que ao mellor nin conta se deron, preocupados como están por criticar ao Goberno de España.