Carnota convida a exaltar a obra de Carvalho Calero en Internet

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA

BARBANZA

REMITIDA

Os veciños poden sumarse á iniciativa con vídeos, fotografías ou creacións plásticas

11 may 2020 . Actualizado a las 16:08 h.

Pospuxo para outubro os actos que tiña programados para conmemorar o Día das Letras Galegas, como tamén o fixo a Real Academia Galega, pero o Concello de Carnota non quere deixar de celebrar o 17 de maio, que nesta ocasión se lle dedica a Ricardo Carvalho Calero. Por iso, convida aos veciños a exaltar a obra do filólogo e escritor ferrolán a través de Internet.

A iniciativa, titulada As letras na Rede, foi ideada pola Concellería de Cultura e está dirixida a toda a cidadanía, sen límite de idade. Os veciños poderán sumarse a ela gravando un pequeno vídeo no que reciten ou dramaticen un texto de Carvalho Calero, aínda que tamén poderán elixir fragmentos da obra de calquera outro autor en lingua galega e incluso será posible optar por unha creación propia.

Outras das posibilidades que se pon a disposición dos carnotáns é a de realizar unha fotografía, un poema ilustrado ou calquera outra obra plástica ao redor da figura do escritor homenaxeado no Día das Letras ou collendo como fonte de inspiración calquera outro autor ou unha das súas obras.

As creacións deberán enviarse por correo electrónico a cultura@carnota.gal ou tamén poderán remitirse a través do Facebook do Concello, facendo constar os datos do autor do traballo.

Os premios, libros

Todas as obras que se reciban serán compartidas a través das redes sociais municipais ao longo deste mes de maio, co fin de contribuír así a exaltar a figura e a obra de Carvalho Calero en particular e a literatura galega en xeral. Todos os veciños que se sumen a esta iniciativa recibirán, como premio, un libro en lingua galega adaptado á súa idade. Os volumes serán repartidos en canto a situación de alarma sanitaria o permita.

A Concellería de Cultura de Carnota anima a todos os veciños a sumarse a esta proposta, argumentando que, pese a que a situación actual impide a realización de actividades presenciais, «non podemos pasar por alto a data máis emblemática do noso calendario cultural e todos podemos achegar o nos o gran de area».