Hemeroteca: Dieste lembraba en Santiago a súa amizade con Valle-Inclán

BARBANZA

XABIER IGLESIAS

O intelectual ofrecía unha charla na que rememoraba as entrevistas co autor do esperpento

29 abr 2020 . Actualizado a las 18:13 h.

Nos últimos anos da súa vida, o escritor rianxeiro e membro da Real Academia Galega Rafael Dieste percorreu Galicia dando charlas e falando de todo o acadado en prol da lingua e da cultura galega. Tal día coma hoxe hai corenta anos, o intelectual pronunciaba unha conferencia na Aula de Cultura de Santiago na que lembraba a súa relación con outro ilustre escritor da comarca, Valle-Inclán. Baixo o título Arredor do Barbanza: ráfagas de recordo e pantasía, Dieste rememorou as entrevistas que mantivo co creador do esperpento durante o tempo que este permaneceu afincado na Pobra do Caramiñal. De feito, esta gran relación entre ambos serviu para que, xunto con Lorca e Augusto Martínez Olmedilla, renovasen o teatro de monicreques en España nos anos vinte e trinta.

Esta conferencia en Santiago sería unha das últimas de Dieste, posto que en outubro de 1981 o escritor rianxeiro sufría un accidente na súa casa de Rianxo e falecía aos 82 anos de idade.