«Agora estase vendo o importantes que son as relacións persoais»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CEDIDA

Coas portas do seu negocio pechadas, ocorréuselle subir as súas recomendacións a unha canle de YouTube

27 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Dicir que a Celia Alfaya lle gusta ler é quedarse curto, moi curto. Calquera que teña pisado a súa libraría en Rianxo sabe que o seu é auténtica paixón pola lectura, polos libros e polo seu oficio, porque cada vez que recomenda un título faino con coñecemento de causa. Escoitándoa, calquera diría que devorou todos e cada un dos volumes que ten nos estantes do seu negocio. Co estado de alarma tivo que pechar a porta, pero cavilando deu coa forma de seguir mantendo a relación cos seus clientes e facerlles chegar as súas recomendacións: creou unha canle en YouTube.

«A idea ocorréuseme xa hai tempo, porque non hai ningunha canle en galego na que se fale de libros. E tamén é certo que a xente que merca na libraría me pide recomendacións, así que pensei que estaría ben aproveitar para comezar a subir vídeos», explica. Celia acostuma estar detrás do mostrador la libraría Ben, pero a corentena obrigouna a afastarse dos seus clientes e abandonar o contacto coa xente, así que buscou unha alternativa a través da Rede: «A min encántame falar de libros e compartir as cousas que a min me gusta ler, e agora que teño a tenda pechada e non teño a posibilidade de vender on-line isto pareceume unha forma de manter o contacto».

Defende o oficio tradicional de libreiro, ese que ten unha relación coa xente que lle entra pola porta: «Gustaríame orientar a libraría cara isto, a falar de libros, a que a xente poida preguntar e pedir consello. Creo que iso é parte do encanto que teñen as tendas pequenas».

Menos coñecidos

Entre as súas recoBENdacións, como deu en chamar ás suxestións que colga na Rede, hai de todo, dende novelas a ensaios, e un apartado especial para a literatura infantil. Pero adoita fuxir das listas dos máis vendidos: «Afástome un pouco dos títulos que máis saen á palestra nos medios de comunicación e propoño libros menos coñecidos e de editoriais máis pequenas que tamén son moi interesantes. Se un está aberto a recomendacións e a deixarse levar pode atopar cousas xeniais».

A creación da canle de YouTube xurdiu neste momento porque o confinamento proporciónalle o tempo que habitualmente non ten para editar os vídeos, pero a súa intención é continuar por este camiño unha vez que se volva á normalidade e a libraría volva abrir as súas portas. Recoñece que Internet é tamén unha maneira de chegar a máis xente, aínda que para ela o fundamental «é compartir, isto é unha forma de crear comunidade. A forza do pequeno comercio está na relación que estableces coa xente, e agora estase vendo o importantes que son as relacións persoais».