Suso Millán: O curtido policía que volveu en misión solidaria

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

carmela queijeiro

Despois de 15 meses xubilado, regresou ao corpo para axudar na crise desencadeada polo coronavirus

19 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O 5 de xaneiro do 2019 realizou a última garda vendo a ilusión e o sorriso debuxados nas caras dos nenos mentres presenciaban o desfile dos Reis Magos polas rúas de Ribeira. Suso Millán poñía aquel día fin a unha traxectoria como policía local que comezara 37 anos antes. A despedida foi un tanto amarga, porque el era un apaixonado da profesión. Quizais por iso, non dubidou en volver a poñerse ao servizo dun corpo que estaba baixo mínimos en canto estoupou a crise do coronavirus. Encomendáronlle ir de casa en casa felicitando a nenos e persoas maiores polo seu aniversario, unha tarefa que acolleu coa satisfacción de saber que contribúe a sementar ledicia cando máis falta fai, pero non lle importaría patrullar de novo as rúas se fose necesario.

Nesta segunda etapa como axente, Suso Millán comeza a súa garda ás 18.00 e non se quita o uniforme ata as 22.00 horas. Nese período percorre o municipio espallando alegría, axudado polas luces do coche patrulla e pola música: «Teño botado ata as cinco da madrugada descargando cancións de Internet. Tívenme que poñer ao día, porque eu non tiña nin idea deste tema». Xa leva pasado polos fogares de 180 ribeirenses que cumpriron anos no confinamento: «Vin a xente maior que non coñecía de nada emocionarse coa miña chegada, pero as cariñas de ledicia dos nenos son o mellor».

«

Multaba moito

»

Aos seus 64 anos, séntese coma un mozo de 16 por esta segunda oportunidade que lle brindou a vida: «Estar en contacto de novo co pobo deume moitas forzas». E iso que é consciente de que ao longo das case catro décadas de traxectoria como policía gañou moitos amigos, pero tamén algún que outro inimigo. Sabe dos sobrenomes cos que foi bautizado: pistoleiro, chulo, bolígrafo corredor, halcón callejero... E é consciente tamén dos motivos polos que se gañou estes alcumes: «Multaba moito, ata o punto de que un día sancionei o coche de meu pai. O certo é que non me dei conta, multei a unha ringleira de vehículos e entre eles estaba o de meu pai, pero penso que aínda que soubera que era o del non se ía salvar. Eu era así».

Está convencido de que ese incontrolable temperamento foi o que lle impediu cumprir o soño de ser o máximo responsable da Policía Local: «Vía inxustizas e non podía calar e iso non gustaba. Daquela era habitual por exemplo sacar multas e cando por exemplo me pedían que esquecera unha dun coche mal aparcado, eu rachaba as de todos os que estaban na mesma ringleira. Sempre dicía que nesta profesión, ou xogamos todos ou rompemos a baralla, non se pode vir aquí só para vestir o uniforme».

Asegura que nunca sentiu medo, porque sempre apostou por facerse valer, aínda que lembra unha ocasión na que ata el se arrepentiu de poñer unha multa: «Era un home que baixaba con outros tres nunha moto de noite e sen luz por Martín. Seguino ata o barco e identifiqueino. Cando fun á súa casa entregarlle as multas, por importe de 600 euros, vin cinco críos que non estaban nas mellores condicións e rachei as sancións. Sabía que eles ían pagar as consecuencias».

Persecución

Catro décadas dan para moitas anécdotas. Lembra con orgullo unha persecución polo caso urbano de Ribeira, que culminou co rescate dun neno de 4 anos que fora secuestrado polo seu pai: «Esas son as recompensas desta profesión, resolver os casos sen feridos». Ou as patrullas nocturnas na etapa dourada da movida: «Había axentes que se negaban a entrar no follón da rúa Manzanares, pero nos iamos, sempre había coñecidos que nos cubrían as costas». E entre gargalladas, acórdase dun día en Xarás, co seu revólver con cachas de nácar na man, enfundado nuns estreitos pantalóns que lle racharon en canto lle deu o alto a un coche.

Millán non dubida á hora de asegurar que, se volvera atrás, elixiría de novo ser policía: «Ou iso ou piloto de aviación, que sempre me gustou moito tamén». Repetiría o camiño andado, sancións incluídas: «Multar forma parte do noso traballo, é necesario para ser respectado, e non multei todo o que tiña que ter multado». Bota en falla as patrullas en moto, mentres ao son do Cumpleaños feliz agradece a oportunidade que o coronavirus lle brindou de vestir de novo o uniforme.