Cecilia Lois: «O illamento e o abuso de Internet son os grandes riscos que corren os rapaces»

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

Está convencida de que a crise actual abrirá aínda máis a fenda da desigualdade

17 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O IMER (Instituto para a Mediación Educativa de Ribeira) vén de poñer en marcha un servizo para prestarlle apoio emocional aos estudantes do municipio e axudarlles así a superar os problemas derivados do confinamento. Cinco psicólogos impartirán obradoiros de forma periódica e estarán tamén a disposición daqueles estudantes que precisen unha atención personalizada, para ofrecérllela mediante videochamadas. Cecilia Lois, a orientadora do CIFP Coroso, é unha das profesionais que se brindou a realizar esta actividade solidaria.

-Cales son as pautas a ter en conta polas familias con fillos para levar do mellor xeito posible o confinamento?

-Unha das máis importantes é tratar de manter as rutinas anteriores na medida do posible; é dicir, non erguerse moi tarde, vestirse, dedicar un tempo ás tarefas do colexio, comer en familia e, pola tarde, levar a cabo actividades lúdicas. É importante respectar os horarios para favorecer o sono e para evitar tamén que a ansiedade poida provocar trastornos alimentarios. Os nenos tamén deberían aproveitar este tempo para falar cos seus familiares, coñecer aspectos do seu pasado e para levar a cabo actividades de forma conxunta, como por exemplo cociñar. O exercicio físico tamén é fundamental. Os estudantes teñen que tentar non estar preocupados polo curso e polo exames.

-Cales son os riscos que corren os rapaces neste encerro?

-O illamento e o abuso de Internet son os grandes riscos que corren os rapaces agora. Estamos atopando nenos que case non se relacionan, sobre todo aqueles que xa antes tiñan problemas para socializar e que agora apenas reciben chamadas ou case non contactan cos compañeiros. Moitos poden caer en problemas de ansiedade ou depresión. Pola súa banda, o abuso das tecnoloxías tamén pode levar a un illamento da familia e a trastornos do sono.

-Serán os rapaces conscientes dos seus problemas para pedir axuda?

-Ese é outro problema; de feito, temos un caso que foi a nai a que chamou ao ver que a súa filla estaba atravesando unha situación de ansiedade. Hai alumnos que xa tiñan problemas con anterioridade, e esta situación pode provocar que se agudicen. O obxectivo é conseguir que nos chamen para, se é preciso, poder derivalos a un servizo gratuíto que puxo en marcha o Colexio de Psicólogos de Galicia e que funciona as 24 horas do día.

-Que problemas pode xerar este confinamento no futuro?

-Por unha banda, medo a que isto se repita e haxa que recorrer a outro confinamento. É algo que nos comentan con frecuencia. Tamén, claro está, temor a que haxa enfermos ou mortes no seu círculo máis próximo. A nivel económico e educativo, esta situación vai abrir aínda máis a fenda da desigualdade, pois os recursos de moitas familias diminúen e hai pais que, ao traballar, non poden prestarlle aos fillos a axuda que precisan.

-Son os adolescentes a franxa de idade que corre máis riscos agora mesmo?

-É probable, porque os anciáns están afeitos a estar na casa e moitos adultos seguen traballando. Aos adolescentes cortóuselles a vida por completo. Poden botar man das redes sociais para comunicarse, pero eles precisan saír e verse.

-Terán a capacidade suficiente para esquecer a curto ou medio prazo?

-Vai haber de todo. Haberá rapaces que queden moi marcados, sobre todo se despois do confinamento segue habendo restricións importantes, que lle impidan estar cos amigos ou mesmo ir a festas ou á praia. Todo vai depender de como evolucione a crise nos vindeiros meses. Se hai moita parálise, pode que estes rapaces precisen incluso máis apoio de cara ao verán. O verdadeiro problema está nestes intres naquelas persoas sensibles ou que xa arrastraban algún trastorno de antes. Para o resto, co paso do tempo, seguro que se converterá nunha etapa máis da vida.