Toño Casais: «Agora estaba collendo certo ritmo e outro parón non se agradece nada»

Melissa Rodríguez
Melissa Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

BARBANZA

JORGE PARRI

O ceense acolleuse a un ERTE con Talía Teatro, xusto cando acababa de volver aos escenarios tras un grave accidente

10 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Son tempos difíciles para todos coa crise do coronavirus, pero hai sectores que xa comezan a mirar ao futuro próximo que, por certo, ven tan ou máis negro ca o presente. O actor, director, guionista e profesor de teatro Toño Casais (Cee, 1976) fala da situación da cultura nestes momentos. O seu caso é ben particular, xa que acababa de regresar ás táboas tras sufrir un grave accidente traballando con Talía Teatro.

-Como lle afectou a vostede o estado de alarma?

-Supuxo a cancelación do estreo do espectáculo infantil Voa, voa!, que ía ser o 19 de marzo en Cee; a parada absoluta da compañía, e con meses á vista, como abril e maio, nos que tiñamos moito traballo. A compañía solicitou un ERTE que xa nolo concederon, e agora ninguén sabe o que vai pasar coas escolas municipais, coas funcións... Nun principio, parece ser que aquelas que tiñamos pactadas coa Agadic [Axencia Galega das Industrias Culturais] se van manter. Valórase a posibilidade de retomar datas a partir do verán. Pero claro, incluso no verán se poderían facer cousas? Si, pero ninguén quere dar un paso aínda porque quen sabe se en maio-xuño haberá unha normalidade. O problema da nosa actividade é que traballamos con grupos de masas. Non podemos facer unha función de teatro nun local no que só permitan a entrada de 20 persoas. Entón, ata que se normalice a situación, o noso traballo non ten sentido.

-Como vive o día a día do confinamento?

-No caso meu persoal, a miña muller é profesional sanitaria no hospital de Cee e está traballando todo os días, dende o 12 de marzo si ou si, con xornadas moi tolas. Eu teño as miñas nenas aquí, e xa se está falando de que os centros educativos estarán pechados máis alá do 26 de abril, e ao estar entregado a elas as 24 horas, evádome totalmente do que pasa fóra. Temos a fortuna de vivir nunha casa, de maneira que estamos cómodos e non se leva tan mal. A nivel profesional, o feito de estar encerrado fai que poidas ler e ver teatro máis que nunca, no caso dos que non podemos facelo habitualmente. Recíclaste un pouco, pero no meu caso non podo avanzar porque traballo en equipo. Despois están exercicios de disciplina físicos que debido a que as nenas non me deixan un minuto libre, tampouco podo realizar. E en xeral, preocupado polos nosos vellos e porque a miña muller poida caer contaxiada.

-Esta situación chegoulle a vostede no peor momento, xusto na fase de reincorporación ó traballo tras sufrir un grave accidente en Muxía.

-Si, a verdade é que si. Levaba catro meses de baixa, incorporeime o 15 de xaneiro, e parei case aos dous meses, o 12 de marzo. É desalentador, porque houbo momentos nos que non sabía se ía poder volver ao traballo algunha vez. Agora estaba collendo certo ritmo e outro parón non se agradece para nada.

-Como ve o futuro a curto prazo?

-Se todo non se alonga, pódese chegar a unha certa normalidade. Non agora, pero si relativamente a curto prazo. Pero, canto máis se alongue, máis tempo haberá de gasto das desinfeccións públicas, de axudar á xente… e ese desastre económico vaise ver traducido en algo, e nós sabemos que os primeiros aos que lle vai caer o golpe vai ser a nós, porque cando foi a crise do 2008, os primeiros afectados fomos os sectores da cultura, porque sempre se percibe que hai cousas máis importantes, pero isto tamén xera empregos. Hai moita xente vivindo disto. Só espero que toda esta situación non se traduza despois nunha crise económica descomunal dos petos da xente do común, que abondo temos con estar encerrados. A miña situación, en certa medida, ao estar nunha empresa que está medio solucionada por un ERTE, non é tan mala no presente, pero a ver que pasa no futuro.