Deus perdoa

Carlos Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

31 mar 2020 . Actualizado a las 09:23 h.

Opapa Francisco dixo nunha entrevista que Deus perdoa, que os homes só perdoan ás veces, pero que o planeta non perdoa nunca. Sabémolo, porque o estamos padecendo, pero témolo moi merecido. Leva anos avisándonos do maltrato ao que o estamos sometendo co noso ritmo de vida extremo e sen límites.

Co impulso das redes sociais e dos medios de comunicación cambiamos as nosas prioridades vitais, dándolle máis valor ao lecer, a sentirnos importantes e a viaxar sen control. Barbaridades como viaxar en avión por 20 euros de España a Alemaña, cun custo ambiental millonario. Barbaridades como ir en coche ao ximnasio ou percorrer quilómetros para facerse unha foto, publicala e presumir. Barbaridades como facer 700 botellóns cada semana, con toneladas de lixo.

Cambiamos o sector primario e a industria por outros que, en cantidades excesivas, son depredadores do territorio: a construción e o turismo. Queimamos a capa de ozono, enchemos a paisaxe de eucaliptos, cambiamos canles, urbanizamos sen control, deforestamos constantemente, facemos recheos e cementamos o rural. Cómpre parar. Gran parte das obras públicas que se fan son prescindibles. Gran parte dos movementos no coche privado pódense evitar.

Para paralo vai ser necesario impoñer fortes taxas, pero tamén un pacto de concienciación de nivel internacional. A corentena debería servir para unha fonda reflexión sobre o camiño frenético que emprendemos, pero dáme que vai ser inútil, porque o problema é que o home tropeza dúas veces coa mesma pedra, e as consecuencias serán peores, impensables.