Rubén López: «Galicia, a día de hoxe, é toda unha potencia nacional en fútbol base»

BARBANZA

FUTGAL

O pobrense forma parte do corpo técnico que, logo de catro anos, meteu a unha selección galega na fase final do Campionato de España

17 mar 2020 . Actualizado a las 10:40 h.

Rubén López (A Pobra, 1979) acadou, como segundo adestrador do combinado galego sub-14, meterse na fase final do Campionato de España. Logo de catro anos sen que Galicia o lograse, tócalles esperar. Sen fecha para disputar o título nacional, prepara xunto a David Páez o estudo dos outros tres finalistas: Andalucía, Madrid e Valencia.

-Como foi o camiño ata aquí?

-A primeira fase disputámola na Rioxa. Quedamos cabezas de grupo, polo que a segunda xogámola en Galicia. Foi a semana pasada, gañamos a Extremadura por 3-0 e a Ceuta, 5-0.

-Imaxino que esta crise tenvos en espera.

-A fase final estaba prevista para os días 17, 18 e 19 de abril. Tal e como está o progreso disto, dubido que se poida realizar nesas datas. Imos esperar.

-Esperemos que se poida xogar. Fixeron un gran papel.

-Non encaixamos ningún gol e acabamos con 12 a favor. Sabemos que é algo anecdótico, agora tócannos as outras tres mellores seleccións. Temos pouca marxe de erro. Pero a fase foi inmaculada. Aparte dos resultados, levamos o peso dos partidos. Na Rioxa sentímonos moi ben, cómodos, gañámoslle 3-0 a unha potencia como é o País Vasco.

-Como foi ese enfrontamento?

-Conseguimos impoñer o noso xogo. Entramos moi ben no encontro e fíxoselles costa arriba. Logo deste tempo a mellora do equipo é palpable. Somos unha familia dentro do vestiario. Ata agora adestrábamos tódolos mércores e os rapaces intentaban aprender o máximo posible.

-Sen case información previa, como preparan os partidos?

-Na primeira fase tivemos que buscarnos a vida. Tiramos de contactos, de xente que coñecíamos noutras comunidades. Así conseguimos estudar ao País Vasco. A noite anterior aos partidos facemos análise de vídeo, explicamos catro cousas que poden ser importantes. A partir de aí os partidos gravounos a federación e tiñamos acceso a eles, polo que foi moito máis fácil.

-É a defensa a vosa mellor fortaleza?

-Encaixamos cero goles, pero intentamos dominar varios rexistros. Somos un equipo que en defensa ten as cousas claras, apertamos moitísimo. Pero os xogadores teñen unhas condicións técnicas a destacar e buscamos darlles solucións. Queremos que as multipliquen, que saquen rendemento no noso modelo de xogo, que pasa polo dominio da pelota.

-É importante dominar varios aspectos, non hai dous partidos ou rivais iguais.

-Contra o País Vasco tivemos un partido máis aberto, cun equipo que che busca, pero que tamén se expón. Extremadura foi unha selección moi física, sabíamos que non podíamos cometer erros, polo que buscamos xogar en campo rival aínda que perderamos máis elaboración. A fase ofensiva e defensiva pasa por todos. O equipo está mentalizado para que dende o dianteiro ao último xogador teña que defender.

-Lin hai pouco que un futbolista que non defende xa non serve para o deporte actual. Como o ve?

-Para min é algo importante. Nós temos a sorte de que o noso primeiro defensor é o xogador máis adiantado. Os nosos dianteiros teñen esa capacidade para activarse despois de perder o balón. Iso empurra ao resto. Se recuperamos a pelota rápido, é máis fácil chegar á portería rival. Sen fase defensiva podes ter aos mellores xogadores, que chegará un día no que te enfrontes a outros tan bos como os teus.

-Non é fácil convencer aos máis talentosos para que defendan.

-No noso caso o equipo colleuno á primeira. Ademais, cos vídeos aínda o viron máis claro.

-Hai posibilidades de que Galicia gañe o Campionato de España?

-Temos posibilidade de disputalo e de dar un pasiño máis. Non renunciamos a nada porque somos conscientes de que esta selección ten potencial. A ilusión é máxima. Facía catro anos que Galicia non se metía nun fase final. E aquí están os mellores. Nós temos sitio aí e tantas posibilidades coma o resto, pero temos que ser capaces de adaptarnos. A ver se nos respectan as lesións. Toca esperar e logo deste parón rearmarse e intentar axudarnos.

-Parecía hai uns anos que Galicia non estaba ao nivel doutras comunidades, tanto en instalacións como en clubs ou técnicos.

-Eu creo que en Galicia hai potencial para competir con calquera. O sistema de competición que temos é peculiar. Só poden ir tres xogadores por equipo e debes ter dous de primeiro ano no campo. Agora xa non vale o de levar a 11 rapaces do Real Madrid. Tes que buscar as pezas adecuadas para cada posto. Hai un traballo de cada fin de semana de ir a mirar partidos. Tes que sacarlle ao equipo un rendemento case inmediato. Galicia, a día de hoxe, é toda unha potencia nacional en fútbol base. Adéstrase moito, os técnicos traballan moi ben e os clubs tamén. Tanto nós coma a sub-16 estamos aí, de oito partidos só se perdeu un contra o País Vasco. A nosa categoría aínda está en crecemento, veremos cos anos a onde poden chegar.

-O malo é pasar de neno a adolescente futbolista.

-Neste mundiño a veces a cabeza non está onde debe. Cada vez atópaste representantes en etapas máis precoces. O que deben facer é aprender, gozar e ir subindo pouco a pouco. Cando queres subir catro escadas dunha vez igual despois tes que baixar dúas.

-E co cadete do Boiro como van? Tiveron un pequeno bache.

-No inicio da segunda volta tivemos resultados que non desexábamos, pero a dinámica de todo o ano é boísima. O equipo está de dez e atópase metido en postos de privilexio.

-Teme que se rematen as ligas tal e como están?

-Non creo que se faga. A federación galega ten as súas armas para reducir xornadas, finalizar á machada sería unha inxustiza para tódolos equipos. Hai sistemas, como xuntar varias xornadas en varios campos. Xa digo, a federación leva moitos anos facendo as cousas ben e aquí será igual. Tampouco penso que pase en Primeira División. Debemos superar esta crise entre todos. Hai que buscar unha maneira xusta, aínda que non sexa perfecta.