Xosé Manuel Beiras amosa na Pobra a súa faceta de tradutor

M. X. B. RIBEIRA

BARBANZA

cedida

Presentou «A desfeita», obra baseada nunha novela de Camus, do que destacou a súa sensorialidade

08 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Manuel Beiras, o histórico político e economista, recalou na Pobra, da man da asociación Barbantia, para amosar a súa faceta de tradutor. Unha actividade que, segundo dixo, comezou a practicar no 2017 como terapia para a política, un eido no que asegurou telo pasado realmente mal. Xa nos anos 60 se atrevera coas Cartas a un amigo alemán, que cualificou de alegato contra a tiranía e o nazismo, e agora regresa con A desfeita, tamén de Albert Camus.

Do autor elixido, Beiras salientou a sensorialidade, que atribuíu ao drama interno que tiña, ao ser francés de nacionalidade e alxeriano de nacemento. «A súa sensualidade é a dun magrebí, o recendo do zoco, tan pouco francés», dixo. E enlazou coa música, da que afirmou que é fundamental «porque toda lingua é primeiro fala, oralidade, cadencia, articulación para ser escoitada».

Beiras fixo fincapé na dificultade que ten afrontar unha tradución: «Trátase de ir decodificando». El contou coa axuda de Esperanza Mariño, que se encargou da corrección e a revisión do texto. Ela tamén estivo na vila pobrense e aproveitou para facer un resumo do libro, ambientado na Guerra Fría.

Xunto a eles compareceu Miguel Anxo Fernán Vello, o editor, que cualificou a Beiras de «gran tradutor da literatura francesa ao galego». Destacou a lingua empregada no libro, «un idioma cun sabor moi persoal, con moita vontade de estilo». Tamén participaron no acto o presidente da asociación Barbantia, Manuel Cartea; o rexedor pobrense, Xosé Lois Piñeiro; e a concelleira de Cultura, Patricia Lojo.