Os pobrenses que reviviron o Felipiño

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

dani gestoso

Varios veciños do Maño recuperaron hai un lustro unha tradición propia do entroido local que levaba anos esquecida e convertérona nunha cita ineludible

27 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

De nenos gozaban da algarabía que se producía na Pobra cada Mércores de Cinza, cando os veciños se xuntaban para despedir o entroido acompañando polas rúas a un singular boneco que despois queimaban. Sendo adultos, un día decatáronse de que aquela tradición se perdera e decidiron poñer todo o seu empeño en recuperala. Rodrigo Blanco, Estela Domínguez, Manolo Tarabelo e Eloy Domínguez conforman o núcleo duro do equipo que hai un lustro lle devolveu a vida ao Felipiño do Maño, aínda que no seu labor contan con varios colaboradores.

Cada ano, ás portas do entroido, reúnense para darlle forma a un sinxelo boneco: «Collemos un traxe e enchémolo de palla. Logo colocámoslle unha máscara», explica Rodrigo Blanco, máis coñecido no Maño como Roki. Esta é a única peza que conservan dun ano para outro, aínda que nesta ocasión, o Felipe da Pobra estreará rostro: «A máscara que tiñamos xa estaba deteriorada e optamos por encargar outra». Buscan que a figura teña un aspecto simpático, pois o obxectivo é espertar as gargalladas da concorrencia.

Confeccionado o boneco, queda ir ao monte á procura de ramas verdes para engalanar a estrutura a empregar para transportar ao Felipiño no desfile: «O máis complicado de todo o proceso é sacar tempo, pois todos traballamos. Por fortuna, sempre atopamos alguén que nos bote unha man», apunta Roki. O proceso nunca conclúe con moita antelación, pero sempre a tempo para o gran día: «Para min, o mellor é ver á xente do pobo reunida, participando na festa. É unha xornada que lle dá vida a esta zona, pois se ao inverno lle quitamos o entroido non queda nada».

Coincide plenamente nesta apreciación Eloy Domínguez: «O que máis ilusión nos fai e o que nos empurra a seguir é ver como se desprazan ata o Maño pobrenses doutros lugares para acompañarnos e como a aldea se converte por un día nun fervedoiro». Atribúe parte dese éxito que ten a iniciativa ao único cambio que introduciron con respecto á vella tradición: «Antes o enterro era o mércores, pero nós optamos por trasladalo ao sábado para que fosen máis os veciños que tivesen a oportunidade de acompañarnos».

A anécdota

Desde que se enrolaron nesta aventura, todo foi sobre rodas e mesmo contan coa colaboración de varios bares e do Concello para animar a comitiva fúnebre con música. Aínda así, algunha anécdota si que deixou o Felipe neste regreso á Pobra: «Empregamos o que faga falla para asegurarnos de que o boneco arde, pois iso forma parte do espectáculo. Lembro un ano que non houbo maneira, nin con gasolina o conseguimos. Tivemos que ir buscalo ao día seguinte», lembra Rodrigo Blanco.

Os que non fallan son os veciños que sempre están dispostos a poñerse na pel dun cura, dun médico ou dunha vella chorona: «Por esa banda non temos queixa, nin sequera temos que andar polas portas á procura de voluntarios, sempre se xunta un grupo de xente disposta a formar parte da comitiva. O certo é que se non fora por eles, o traballo que pasamos non pagaría a pena».

Agora que recuperaron a tradición e que lograron o espertar festivo do Maño para poñerlle o broche ao entroido, aspiran a máis: «É certo que cada ano somos máis, pois empezamos unha ducia e agora xuntámonos medio cento na saída, pero despois vaise xuntando máis xente e moitos espérannos no Areal. Pero si que nos gustaría que isto seguise medrando», confesa Domínguez. De momento, non deixan de mirar cara o ceo. Este ano conformaríanse con que a deusa meteoroloxía se aliase con eles.

A cita. O Felipiño do Maño volverá a percorrer as rúas pobrenses o sábado. A comitiva sairá ás 19.00, acompañada dos gaiteiros de Trécola e da charanga Evaristo. Todos os veciños do municipio están chamados a sumarse ao cortexo fúnebre. A queima será no Areal.