Suscríbete 1 año y te regalamos 140 días gratis
Quiero la oferta

Medicamento e negocio

Francisco Ant. Vidal

BARBANZA

matalobos

22 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Ninguén pon en dúbida a importancia das empresas farmacéuticas. Sen elas ata ter un catarro sería un problema. Elas contribúen en grande medida á mellora da calidade de vida. Pero se o ser farmacéuticas implica un ben para a sociedade, o ser empresa é un problema que leva ós seus directivos a sopesar que é máis importante, se evitar o sufrimento dos paisanos ou engordar a conta de beneficios dos seus conselleiros, socios e inversores. Claro que, a pesares de que a saúde non debería ser un negocio, calquera empresario ten como premisa fabricar cos menores costes e vender coa maior ganancia en función da necesidade do demandante, sexa paciente ou desesperado doente.

Reflexionaba así o amigo Xulio no noso parladoiro dos xoves, despois de ler a inmoral proposta dun laboratorio suízo, disfrazando de filantrópica oferta a bárbara idea de rifar entre varios nenos con atrofia muscular o medicamento para curala, como se fose un xogo de azar na tómbola das festas do verán. Cando saíu a noticia, a primeiros de ano, pensabamos que non era máis ca un deses rumores que se soltan para denunciar a deshumanización da sociedade, pero o proceso xa comezou hai uns días, como se dunha ruleta rusa se tratase. É xusto ganar a medicina cun concurso?

Alguén no parladoiro lembrou aquel sorteo do señor Willy Wonka, para visitar a súa fábrica de chocolate, e onde, por certo, o lambón, o vaidoso, o avaricioso ou o presuntuoso conseguen se grandes esforzos o seu pase, e acaban castigados por falta de humildade, por egoístas ou por insolidarios. Pero aquel era un conto, unha ficción, e este non. Este, como toda lotería, carece dunhas normas mínimas de xustiza, tratando de lavar a cara duns empresarios que xa de antemán subiron o prezo de venda do medicamento moi por encima dos custes de fabricación, con esa lei do bo feirante: Quen o queira que o pague e canta máis demanda máis caro. Logo do anuncio virá o nome do gañador publicado e publicitado en todos os medios, e o descontrol do mercado creando demanda e subindo as acción da farmacéutica.