O BNG de Barbanza renova o seu consello comarcal

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA

BARBANZA

CEDIDA

Elvira Branco toma o relevo de Luís Pérez Barral á fronte la formación nacionalista

23 feb 2020 . Actualizado a las 21:34 h.

Os membros do BNG de Barbanza celebraron esta fin de semana unha asemblea na que, entre outras cuestións, se abordou a renovación do consello comarcal, comezando polo cambio de responsable. Luís Pérez Barral deixou as súas funcións á fronte da formación nacionalista por motivos laborais e Elvira Branco foi a persoa designada para coller o relevo.

Elvira Pérez Branco, que xa fora concelleira e responsable local do BNG ribeirense, mostrou o seu agradecemento e a súa disposición a traballar arreo «para estender o proxecto nacionalista, poñendo de manifesto que o nacionalismo é a mellor ferramenta para defender os intereses da clase traballadora galega e mellorar a calidade de vida da cidadanía». A nova responsable comarcal aludiu á cita coas urnas convocada o vindeiro 5 de abril e asegurou que no Bloque «temos proxecto, experiencia e capacidade acreditada que demostra que somos quen de transformar a realidade e de liderar o cambio político que precisa Galiza».

Por parte da formación indicaron que Elvira Branco encarna «ese tempo novo que vive o BNG, cun proxecto renovado, cun apoio social que cada día vai a máis e coa suma de novas persoas». Neste sentido, tamén salientaron a incorporación de novas caras ao consello comarcal de Barbanza, como a exdeputada no Congreso Rosana Pérez; a voceira do BNG na Pobra, Amparo Cerecedo; e as responsables locais de Rianxo e A Pobra, Mercedes Pimentel e Laura Novelle.

En canto a Luís Pérez Barral, seguirá á fronte da área de comunicación da formación e coas súas responsabilidades como concelleiro na corporación de Ribeira, deixando a un lado as funcións á fronte do BNG barbancés por falta de tempo «para coordinar as actividades e traballo a nivel comarcal».

Trala renovación que vén de anunciar o Bloque, o consello na bisbarra queda constituído polas seguintes persoas: Elvira Branco, Rosana Pérez, Carlos Branco, Raquel Suárez, Adolfo Muíños, Amparo Cerecedo, Tobías Betanzos, Laura Novelle, Luís Pérez, Mercedes Pimentel. Pablo Ferreirós, Adelina Ces, Vicente Paz, Xosé Nóvoa, Dani Ermo, Francisco Santamaría e Ramiro Ouviña.